Friday 22 de November de 2024

Feijóo: “cando á democracia se lle despoxa da lei convértese na tiranía das maiorías”


Refírese así ao proceso iniciado polos secesionistas en Cataluña e, ao respecto, asegura que unha das obrigas das comunidades autónomas é garantir o respecto ao Estado de dereito e o cumprimento da lei

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, manifestou hoxe que cando á democracia se lle despoxa da lei se converte na tiranía das maiorías. Feijóo referiuse así, ao proceso iniciado polos secesionistas en Cataluña e, ao respecto, asegurou que unha das obrigas das comunidades autónomas é garantir o respecto ao Estado de dereito e o cumprimento da lei.

Durante a súa intervención nas XXV Xornadas Nacionais de Xuíces Decanos, o mandatario galego sinalou que “ningunha persoa” e “ningunha institución” están por riba da lei, posto que son precisamente as institucións as que teñen que garantir que o cumprimento da lei empeza polos seus propios titulares e integrantes, remarcou.

Feijóo subliñou que a Xustiza é un servizo público esencial para un país, e que o seu correcto funcionamento é, ademais, o valor supremo da nosa democracia e a pedra angular da igualdade e da garantía de dereitos. Por iso, asegurou que para culminar con éxito a tarefa de construír a Xustiza que a sociedade reclama é preciso que todas as administracións traballen conxuntamente.

Un escenario de reformas
Nesta liña, referiuse ás reformas que no último lustro se levan acometido no sistema xudicial español, e recoñeceu que nos sitúan ante un novo escenario porque España leva afrontado a maior iniciativa lexislativa en materia de Xustiza de toda a democracia. Son reformas, engadiu, que eran necesarias para “actualizar e renovar as leis, os procedementos e os códigos”, e para non quedar “á marxe da sociedade”.

Entre elas, mencionou a reforma do Código Penal, que prioriza a loita contra calquera acto de corrupción e se enmarca nunha aposta clara pola rexeneración democrática. E neste mesmo contexto, lembrou que o Parlamento galego ten aprobadas ou en trámite un conxunto de cinco leis para o impulso democrático na Comunidade. Trátase da lei para limitar o financiamento de partidos; a lei de para impulsar unha maior participación cidadá; para ampliar as competencias do Consello de Contas; para promulgar a transparencia e o bo goberno, e para favorecer a ordenación da asistencia xurídica.

Xunto con isto, referiuse, tamén, ao investimento que a Xunta está a realizar en materia de Xustiza conscientes, dixo, de que “mellorar o funcionamento dos nosos xulgados é mellorar a defensa dos cidadáns”. Así, avanzou que o orzamento para 2016 neste eido será de 133 millóns de euros, e que a vontade do Executivo autonómico é seguir apostando pola mellora das infraestruturas xudiciais e tecnolóxicas na Administración de Xustiza galega.

Como exemplo, citou, os novos edificios xudiciais, xa en funcionamento, de Ourense e de Santiago; as obras que se están a acometer na histórica fábrica de tabacos da Coruña; o novo edifico xudicial de Pontevedra que xa está en licitación; e a dotación presupostaria aprobada para construír o de Vigo.