Friday 22 de November de 2024

O concello investirá 54.000 euros na compra das Torres de Cillobre


A fonte de financiamento sería o remanente líquido de tesourería, para o que se require dun suplemento de crédito que será elevado ao Pleno.

O venres da próxima semana celebrarase un Pleno extraordinario ao que o goberno local elevará a proposta de aprobación dun suplemento de crédito e dun crédito extraordinario que posibilitaría incorporar aos orzamentos municipais un total de 591.620,46 euros do remanente líquido de tesourería como fonte de financiamento para diversos fins de interese xeral para a cidadanía larachesa.

Unha das iniciativas que o goberno local pretende financiar con cargo a unha parte dese suplemento de crédito -en concreto, 54.000 euros- é a compra de todos os terreos vinculados ao conxunto arquitectónico das Torres de Cillobre -os restos da fortaleza datada no século XIV e que precisamente dan nome ao núcleo no que se sitúan, xunto ao casco urbano da Laracha- e catalogados no Plan Especial de Patrimonio Cultural.

As Torres de Cillobre son un dos símbolos do Concello da Laracha ao aparecer representadas no escudo municipal, o que reflicte a súa relevancia histórica en especial durante a época feudal, na que pertenceron a familias nobres. A día de hoxe aínda se conservan unha parte do muro perimetral e a vivenda da torre.

A adquisición deste importante elemento do patrimonio municipal, que actualmente é de propiedade privada, é unha antiga aspiración do goberno local, que xa incluíra as Torres de Cillobre no Plan Especial de Patrimonio Cultural co obxectivo de garantir a súa máxima protección. Unha vez concretada a compra e sexan un ben de titularidade pública, as Torres de Cillobre poderán ser obxecto de proxectos e iniciativas para a súa restauración e posta en valor.
Así, o Concello continuará apostando por recuperar os máis destacados elementos do patrimonio histórico municipal, do mesmo xeito que se está a facer co Castro de Montes Claros e co menhir de Erboedo, que desde hai anos xa son de titularidade pública.