Saturday 16 de November de 2024

A veciñanza de Moeche poderá obter o seu certificado dixital da FNMT nunha charla que se ofrecerá o martes 14 pola mañá no local social do Pereiro


A actividade forma parte do programa ministerial “A Administración cerca de ti”, no que se explica o funcionamento da Carpeta Cidadá do Estado, ademais de facilitar a obtención no momento da certificación electrónica para poder facer trámites en liña

 

Moeche é un dos municipios incluídos no programa “A Administración cerca de ti”, promovido polo Ministerio de Política Territorial para explicarlle á veciñanza das zonas rurais nas xestións que se poden facer a través da Carpeta Cidadá da administración estatal. Neste sentido, o local social do Pereiro acollerá o próximo martes 14 de marzo partir das 11:30h unha charla centrada nas posibilidades -e na comodidade- que ofrece a tramitación e a consulta de información por vía electrónica. É máis, quen asista á sesión, que é con entrada libre, poderá obter no momento o seu certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, co que é posible relacionarse con calquera Administración pública sen ter que moverse da casa.

Para obter o certificado de persoa física durante a charla só haberá que levar o DNI (en vigor) e un teléfono móbil no que se teña configurada unha conta de correo electrónico á que se enviará o código de descarga do arquivo de sinatura electrónica. Quen non teña conta de correo tampouco debe preocuparse, xa que nese caso entregaráselle unha memoria USB co seu certificado para que despois poida instalalo no ordenador.

O certificado da FNMT é o medio de acreditación da identidade máis empregado na relación por medios electrónicos coas Administracións Públicas. Unha vez o teñamos configurado no ordenador, táblet ou móbil -na sesión ofrecerán algunhas nocións ao respecto- poderemos entrar nas Sedes Electrónicas de calquera organismo público -Ministerios, Xunta, Deputación, Concellos, Catastro, etc.- e facer xestións coa mesma validez que se acudiramos en persoa a unha das súas oficinas. O certificado de persoa física tamén se pode utilizar para asinar documentos en .pdf ou doutro tipo igual que se o fixesemos do noso puño e letra sobre o papel.

“A Administración cerca de ti” é un ciclo de charlas que se están desenvolvendo en concellos rurais de menos de 8.000 habitantes co obxectivo de explicar as vantaxes da Carpeta Cidadá, onde poden consultarse e xestionarse, entre outros, datos relativos á educación e formación, sobre o traballo e a xubilación, ao respecto da saúde e os servizos sociais, a situación persoal e familiar, ou mesmo ver cantos vehículos temos ao noso nome, cando lles toca a próxima ITV ou cantos puntos temos do carné de conducir (incluso se temos multas pendentes).

A carpeta é, de feito, o primeiro portal que concentra nun único punto a práctica totalidade de trámites e consultas que se poden facer perante os ministerios e outros organismos dependentes do Goberno estatal, ademais de estar conectado coas plataformas das comunidades autónomas e institucións adheridas, entre elas o Concello de Moeche.