A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá xunto con Jesús Marcos, presidente do Club de Baile Deportivo Narón, o “Hip Hop Tour Galician Dance”, un evento que se programou en catro cidades galegas, entre elas Narón. A rexedora local anunciou a apertura do prazo de inscrición, hoxe, para este evento, que se desenvolverá o 2 de abril no Pazo da Cultura. As persoas interesadas poden anotarse a través da web: bailegalicia.net ata o vindeiro 27 de marzo.
A cita deportiva consistirá nun circuíto a catro probas, en Narón, Mugardos, Vigo e Marín, do que sairá o gañador ou gañadora. “Trátase do primeiro que se celebra en Galicia e está previsto que participen numerosas escolas e clubs de concellos, entre eles Narón, onde hai varias escolas de hip hop”, apuntou Ferreiro. A alcaldesa destacou o gran número de afeccionados que hai na cidade a este xénero de música popular e animou a que participen nesta convocatoria.
Ao final das competicións realizarase un ranking propio das catro probas a disputar nos concellos indicatos e de aí sairán os gañadores deste circuíto do Hip Hop Tour Galician Dance, segundo explicou Jesús Marcos. O presidente do Club de Baile Deportivo Narón agradeceu a implicación do Concello naronés na organización deste evento “apostando por diversificar a oferta de competicións e campionatos de nivel que se desenvolven ao longo do ano na cidade”.