O Concello e a delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura inician unha campaña de sensibilización para o control da avespa velutina. Incidindo en que o pasado ano foi “un dos máis duros en canto á velutina”, dende AGA destacaron a importancia de iniciar os trampeos, ata o mes de maio, porque é o período no que as raíñas comezan a espertar da súa hibernación e inician a súa actividade.
“Seguimos loitando contra esta especie invasora tan perniciosa para as actividades agrarias como a fruticultura ou a apicultura e tamén para a seguridade cidadá, de aí a importancia de recudir o número de raíñas para conter a súa multiplicación”, subliñaron.
O trampeo primaveral é fundamental para evitar riscos, polo que se anima ás veciñas e veciños da zona rural maioritariamente a instalar trampas próximas ás vivendas, nas hortas ou xardíns, para evitar ter nidos de velutinas a menos de 150 metros das casas. Dende AGA aseguran que “está demostrado que un bo trampeo reduce ata nun 75% o número de niños de avespas na zona” e avanzaron que xa instalaron trampeo en determinados puntos da comarca para retomar a loita contra as velutinas.