A directora de Promoción de Turismo de Galicia participa nestes días no encontro organizado polo Ministerio de Aviación Civil e Turismo de Bangladesh coa colaboración da OMT
A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participa nestes días na Conferencia Internacional sobre o desenvolvemento sostible e inclusivo do patrimonio budista e a ruta de peregrinación budista do sur de Asia organizada polo Ministerio de Aviación Civil e Turismo de Bangladesh coa colaboración da Organización Mundial del Turismo (OMT) na cidade de Dhaka.
O obxectivo do encontro é revisar a situación actual no que se refire á conservación, a planificación, o desenvolvemento, a comercialización e o impacto do turismo transfronteirizo budista no sur de Asia, discutir os temas clave e barreiras que deben abordarse para facilitar o desenvolvemento e a promoción de circuítos plurinacionais budistas de turismo sostible e inclusivo e proporcionar orientación para a preparación de una folla de ruta para o desenvolvemento sostible e inclusivo de circuítos e rutas.
A conferencia conta coa participación de representantes de numerosos países co fin de intercambiar información sobre as mellores prácticas e enfoques para o desenvolvemento e a comercialización dos circuítos turísticos.
Neste marco, a directora de Promoción de Turismo de Galicia participou en tres sesións técnicas para falar do Camiño de Santiago e do seu desenvolvemento, xestión, preservación e promoción como referencia de ruta peregrinación.
Durante as mesmas, Carmen Pita explicou que no Camiño de Santiago son moitos os entes que traballan a prol do seu desenvolvemento e promoción tanto a nivel nacional como internacional e que hai unha gran cooperación con outras rutas turísticas culturais e de peregrinación.
Colaboración internacional
Neste senso, Carmen Pita destacou o modelo de colaboración internacional que desenvólvese ao redor do Camiño de Santiago.
Así, fixo referencia á labor que realizan as diferentes entes internacionais, como o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, creado polo Consello de Europa para dar apoio aos promotores dos itinerarios xa elixidos e axudar aos que propoñen novos proxectos a poñer en práctica as súas iniciativas e a difundir información acerca deste programa; a Federación Europea dos Camiños de Santiago, encamiñada a dar soporte ao proxecto europeo, Loci Iacobi 2 que pretende a consolidación do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo; ou o Comité Internacional de Expertos del Camino de Santiago que naceu para asesorar no campo científico e cultural á Xunta de Galicia cara ao Ano Santo de 1993.
Cooperación con outras rutas de peregrinación
Ademais de expoñer a integración en diferentes entes para a coordinación a nivel europeo do Camiño de Santiago, a directora de Promoción de Turismo de Galicia abordou a cooperación con outras rutas de peregrinación.
Neste senso, destacou os grandes lazos que mantén a Ruta Xacobea co Camiño de Kumano Kodo, tamén declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, ou a estreita relación xerada co Camiño Shikoku, co obxectivo de asesorar e colaborar na consolidación desta ruta de peregrinación.
Así mesmo, Carmen Pita explicou que estes contactos tamén se manteñen con países de Latinoamérica como Paraguai onde se desenvolven as Rutas franciscanas e misións jesuíticas ou en México con territorios con grandes recursos turísticos de valor cultural como Guanajuato ou o Estado de Querétaro.
Plan Director do Camiño de Santiago
Por outra parte, a directora de Promoción de Turismo de Galicia falou do Plan Director do Camiño de Santiago que, tal e como explicou, supón unha ferramenta de xestión para a administración turística autonómica e unha folla de ruta que marca as directrices para favorecer a conservación e protección do Camiño en Galicia, atendendo a todos os axentes, públicos e privados, implicados no mesmo.