A música tradicional será a gran protagonista do día 18 de marzo coa quinta edición do Pasabares que promove a comisión de festas do Carme do Castelo, xunto co Concello da Pobra do Caramiñal; un evento que se retoma neste 2023 trala paréntese ocasionada pola pandemia e que reunirá máis de vinte grupos que se espallarán por unha trintena de establecementos hostaleiros a partir das 20.00 horas.
No acto de presentación estiveron a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); o presidente e tesoureiro da mencionada entidade, José María Abuín e Ricardo Santamaría, respectivamente; e Natalia Fernández e Paloma Fontán, en representación de Arrancadeira, asociación que colabora activamente.
Esta cita cultural chega no mes de marzo para infundi-lo espírito dun dos principais festexos do verán na localidade, servindo como antesala do Carme do Castelo. A edil anima a xente a asistir a unha xornada “chea de música, de bo ambiente, de diversión” e destaca o éxito de participación de agrupacións e locais nesta convocatoria.
Pola súa parte, José María Abuín transmítelle-lo seu agradecemento a tódalas partes implicadas neste Pasabares cos obxectivos de dinamiza-la vila, anima-lo ambiente e pór en valor o noso folclore.
Os grupos musicais que marcarán o ritmo son A.C. Pedra da Aroña, A Dorniña de Abanqueiro, Andavía, Arrancadeira, Caraveiros, Nunca é Tarde, Os Campantes da Baña, Os da Boina, Os Jaitas Blue, Os Liantes, Os Pequenos do Barbansa, Os Saljariteiros, Os Sentenarios, Pandeireteiras de Tahúme, Reviravolta, Rianxeiras da Covecha, Ruadiña, Rumbía, Río de Anxo, Suasebe da A.C. A Mámoa, De Lulou, Trécola, Vai de Roda e Xiada.
No que respecta aos bares, participan o 420, A Batea do Castelo, A Casa de Manuel, A de Rosa, A Kunka, Alameda, Anduriña, Bar Nuevo, Barquiña, Blue Moon, Bolera, Brisas, Canalejas, Casa Manolo, Don Miguel, Gelys, La Calle, La Cantina del Liceo, La Embajada, London, Mi Manda Picone, Miramar, Mordiscos, Náutico, O Curotiña, O Facho, O Galeón, O Malecón, Olimpo, Sisal, Tertulia no Laño e Verocca.