• Percorrerán as rúas da cidade un total de 14 procesións, ás que se suma o exercicio do Santo Vía Crucis e unha histórica procesión de traslado
• Seguindo a rotación por orde de antigüidade, o presente ano protagoniza o cartel e elixiu ao pregoeiro a Confraría da Esperanza
• O bispo auxiliar de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, será o encargado de pronunciar o pregón que terá lugar o domingo 26 de marzo ás 19 horas na Capela Xeral das Ánimas
A sala de prensa do Concello de Santiago acolleu esta mañá a presentación da programación da Semana Santa 2023, na que participou o presidente da Xunta de Confrarías, Luis Seoane, o bispo auxiliar de Santiago, monseñor Francisco José Prieto e o concelleiro de Turismo, Gumersindo Guinarte.
A Semana Santa e os desfiles procesionais, que terán lugar do 31 de marzo ao 9 de abril, veñen precedidos de múltiples actos litúrxicos, culturais e musicais; tal e como leva incluíndo a programación das confrarías nas últimas edicións. En total serán 14 as procesións que percorrerán unha as rúas da cidade, ás que se suma o exercicio do Santo Vía Crucis e a histórica procesión de traslado do Cristo da Paciencia de Conxo. O presidente da Xunta de Confrarías indicou que os desfiles non sofren variacións, salvo pequenas modificacións nos percorridos, que soamente afectan a unha ou dúas rúas da cidade.
Luis Seoane indicou que o presente ano 2023, seguindo a orde de antigüidade das confrarías da cidade, foi a da Esperanza a encargada de elaborar e protagonizar o cartel e de elixir ao pregoeiro, encargo que este ano recaeu sobre o bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto e que pronunciará o domingo 26 de marzo ás 19 horas na Capela Xeral de Ánimas. O presidente da Xunta de Confrarías destacou que Prieto “é un apaixonado da Semana Santa, da que é un gran coñecedor xa que, ademais de vivila en Galicia, tivo a oportunidade de vivila en Zamora, cidade na que ten orixes familiares”. Á súa vez Seoane salientou que, desde a chegada do bispo auxiliar, a Xunta de Confrarías contou con toda a súa colaboración e axuda en todos os pasos que foron dando para pór en valor a Semana Santa compostelá.
Dentro da actividade litúrxica integrada no programa, a Xunta de Confrarías achega un ano máis todos os actos que levarán a cabo as diferentes confrarías desde o día de hoxe ata a propia Semana Santa, así como aqueles nos que participa o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio e que terán lugar na Catedral de Santiago. Xa, no referente á actividade cultural, á marxe dalgúns actos das propias confrarías, Luis Seoane destacou o concerto gratuíto que ofrecerá a Banda Municipal que terá lugar no Teatro Principal o sábado 1 de abril, titulado “San Marcos: A Paixón”.
Por último, o presidente da Xunta de Confrarías agradeceu ao Concello de Santiago a súa colaboración no deseño e impresión dos programas que se porán a disposición nas próximas datas tanto na propia oficia de turismo como nas sedes das confrarías, así como a prestación dos servizos de limpeza e seguridade cidadá. Luis Seoane tamén aproveitou para agradecer tanto á asociación de comerciantes “Compostela Monumental” como ao Instituto Europeo “Campus Stellae” a súa colaboración na impresión dos carteis como na prestación dun espazo para albergar a sede da propia Xunta de Confrarías respectivamente.