Saturday 16 de November de 2024

Socioloxía, patrimonio e historia da arte integran o programa formativo de Camiños de Coñecemento e Experiencia na Pobra


Unha nova edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Camiños de Coñecemento e Experiencia chega á Pobra do Caramiñal a finais do presente mes de marzo. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), xunto coa técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, informa de que esta sexta convocatoria posibilita que a veciñanza maior de 50 anos se forme en socioloxía, patrimonio e historia da arte seguindo a metodoloxía teórico-práctica con persoal docente vencellado ao proxecto.

O seminario Idadismo: desterrando prexuízos, a cargo de Nieves Rodríguez Solar, abrirá no día 22 a impartición das materias e continuará no día 24 coa parte práctica.

No día 23 tocará aprender da man de José Manuel Vázquez Lijó con Os Pazos: un microcosmos de antano, con desprazamento programado para o día 30 ao pazo de Goiáns, en Boiro.

E Mónica Rey Cabezudo ofrecerá Moda, arte e historia: unha lectura diferente do patrimonio galego no día 28, para levar ao terreo os coñecementos adquiridos coa visita ás igrexas de Santiago do Deán e Santa María a Antiga do Caramiñal, así como á Torre de Bermúdez, no día 29.

As aulas desenvolveranse en horario de 16.30 a 18.00 horas, no Auditorio do Museo-Valle-Inclán, agás para aquelas sesións que requiren saídas. A matrícula é de balde e tramitarase na casa da cultura Raquel Fernández Soler, co teléfono de contacto 981831545.