Friday 22 de November de 2024

Fene prepárase para recibir o sábado 25 a centos de palilleiras chegadas de toda Galicia


O prazo de inscrición na Xuntanza de Palilleiras remata este venres, chamando ao 981 492 767

O Pavillón da Xunqueira acollerá o próximo 25 de marzo unha nova edición da tradicional Xuntanza de Palilleiras. Un evento que se vén desenvolvendo desde 1996 e que só se viu interrompido nos últimos tres anos por causa da pandemia. Agora, con folgos renovados, a xuntanza arredor dos bolillos agarda sobrepasar o medio milleiro de participantes procedentes de toda Galicia, aínda que a cifra definitiva de asistentes non se coñecerá até o peche das inscricións, que poden facerse até este venres 10 de marzo a través do 981 492 767. En vésperas de que remate o prazo xa ían anotadas preto de 400 palilleiras e palilleiros pertencentes a unha trintena de agrupacións. O evento contará, ademais, con vinte postos de artesanía e materiais relacionados co tecido.

A Xuntanza de Palilleiras e outros labores tradicionais está organizada pola Concellaría de Promoción económica e Turismo coa colaboración da AVV San Xurxo de Magalofes, do CPS de San Valentín, da SCRD Agarimo de Sillobre, da Liga de Amigos de Barallobre e da asociación veciñal de Limodre. O evento comezará ás 10:30h coa recepción de participantes, inaugurarase oficialmente ás 11:30h e logo continuará até as 19:00h cunha pequena pausa para xantar.

Ademais de ser unha cita para todo o relacionado co fío e os palillos, o encontro tamén se converteu nunha xornada que contará con postos de artesanía e provedores especializados en materiais para facer encaixe, bordado, calceta, patchwork e outras técnicas relacionadas co tecido.

Por outra banda, ao longo da xornada tamén se farán dous sorteos de agasallos e está previsto que a agrupación de gaitas de Airiños de Fene ofreza un pasarrúas polo interior e o exterior do pavillón durante a mañá.

A mediados desta semana o número de inscricións aproximábase ás 400 e xa confirmaran a súa asistencia 32 agrupacións, na súa maior parte da comarca pero tamén procedentes doutras zonas de Galicia. Estes números seguramente aumenten, xa que o prazo para apuntarse permanece aberto até o mediodía deste venres 10 de marzo a través do 981 492 767.

A xuntanza comezou en 1996 como un encontro a través do que promocionar o oficio do bolillo. Unha actividade practicamente esquecida na comarca que recobrou azos a principios da década dos 90 a través de obradoiros e cursos de manualidades, organizados en toda a volta por entidades culturais e veciñais.

Foi o caso dun grupo de mulleres de San Valentín, que decidiron en 1993 aprender a facer encaixe como xeito de recuperar unha tradición que non era exclusiva de Camariñas. Tres anos despois organizaríase o primeiro encontro como xornada na que intercambiar coñecemento, expor traballos e darlle difusión aos bolillos como entretemento e mesmo como proposta con posibilidades de emprego.

Despois de tres anos de parón pandémico -2020, 2021 e 2022- a Concellaría de Promoción económica e Turismo agarda que a cita “sexa todo un éxito de participantes e de público”, comenta a titular da área, Ángeles Coira, asegurando ao mesmo tempo que a Xuntanza de Palilleiras “é unha escusa perfecta para vir pasar o día a Fene, con tempo para gozar da arte dos bolillos pero tamén do territorio e da nosa hostalaría”.