A empresa GR Construcciones, Obras y Servicios SL executará os traballos cun investimento de 175.139,88 euros
O Concello de Neda vén de adxudicar á empresa GR Construcciones, Obras y Servicios SL a intervención de renovación das redes de saneamento e abastecemento de auga da rúa Xerardo Luaces. Nas obras investiranse 175.139,88 euros, cuantía da oferta adxudicataria, lixeiramente inferior aos 180.000 euros do orzamento de licitación. En todo caso, Deputación e Concello cofinanciarán os traballos en virtude do convenio de colaboración subscrito entre ambas administracións, polo que a institución provincial aportará 144.000 euros do importe total.
O prazo de execución é de catro meses, e a intervención contempla a renovación das redes no vial, logrando así a solución definitiva para as avarías que ata o momento se viñan producindo periodicamente, obrigando a cortar parcialmente a vía para a execución das reparacións necesarias.