A Ostomía é unha intervención cirúrxica que produce unha abertura entro o tracto urinario ou gastrointestinal e a pel para coa finalidade de evacuar feces e ouriños que se recollen mediante unha bolsa abdominal. Este tipo de intervencións serven para evitar a morte de pacientes que teñen diferentes patoloxías como cancros ou enfermidades inflamatorias intestinais.
Os refugallos deposítanse na bolsa abdominal a calquera hora do día polo que, ás veces, faise preciso ter que baleirala no momento para evitar fugas. Cómpre termos en conta que o estoma atópase á altura da cintura, polo que ter que baixarse até o retrete que está á altura dos xeonllos para baleirar a bolsa é unha tarefa tremendamente complexa.
O baleirado destas bolsas nun baño non adaptado supón unha dificultade engadida ao carecer de espazo suficiente onde poder depositar os materiais para proceder ao baleirado (bolsas, materiais hixiénicos e de limpeza, etc.). Por outra banda ao non ter espazos de baleirado con enxaugadores de bolsa, vense obrigados e obrigadas a lavar as bolsas de ostomía nos lavabos provocando que este quede cheo de bacterias fecais.
Os concelleiros do BNG, Luís Pérez e Cruz Rivadulla, consideran que este tipo de servizos “non son un capricho”, son unha necesidade para as persoas que deben levar unha bolsa e, polo tanto, este tipo de servizos deberían existir tanto en espazos públicos como privados. Os nacionalistas aseguran que cun pouco investimento poderían adaptarse baños nos edificios e equipamentos públicos para “contribuír a mellorar a vida das persoas ostomizadas evitando que teñan que recluírse no seu domicilio por medo a non ter un espazo axeitado e hixénico no que poder cambiar ou baleirar a bolsa en caso de necesidade”.
Desde o BNG propoñen desenvolver un programa para adaptar baños de maneira progresiva nos edificios e equipamentos públicos de titularidade municipal e aproveitar as obras da reforma da Casa do Concello, as da estación de autobuses e as do auditorio municipal para instalar uns de maneira inmediata.