Saturday 16 de November de 2024

A Xunta participa en Braga no Seminario de Lanzamento da 1ª convocatoria do Programa Interreg V-a España-Portugal 2014-2020


O director xeral de Relacións Exteriores e ca UE, Jesús Gamallo expuso a estratexia rexional para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo participou hoxe en Braga na presentación do Seminario de Lanzamento da 1ª convocatoria do Programa Interreg V- España-Portugal 2014-2020 correspondente á area de Cooperación Galicia-Norte de Portugal.
Neste seminario, o director xeral, como Coordinador Rexional do programa, encargouse de expoñer, xunto coa CCDR-N a estratexia rexional para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, destacando a contribución do proxecto á consecución dos obxectivos establecidos nas estratexias de desenvolvemento de cada Área de cooperación e ás RIS3.
Gamallo tamén salientou a coordinación que existe entre os obxectivos desta convocatoria e os do Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) que aprobou a Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal en 2014 para planificar conxuntamente as actuacións da Eurorrexión ata o ano 2020. Tamén se destacou a integración do INTERREG V-A coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS-3) Transfronteiriza, a primeira que se presenta no territorio dunha Eurorrexión en toda a Unión Europea.
O Seminario centrouse en expoñer aos asistentes os obxectivos e as prioridades do programa Interreg V-A, o procedemento de presentación de candidaturas, os requisitos de acceso e os criterios de avaliación das operacións a financiar. Tamén se presentou a nova aplicación informática para a xestión dos proxectos, a aplicación COOPERA 2020.
O Seminario contou ca presenza do vicePresidente da CCDR-N e autoridades e representantes do Ministerio de Hacienda español, da Agência para o Desenvolvimento e a Coesão portuguesa e do Secretariado Conxunto España-Portugal do programa Interreg V-A, e ca asistencia de 300 persoas, representantes de institucións publicas e privadas, (universidades, empresas, centros tecnolóxicos, clústeres, administracións públicas tanto dos gobernos centrais de España e Portugal, da Comisión Europea, das Comunidades Autónomas da fronteira e das Comisións de Coordinación Rexional portuguesas –CCDR, entre outros.