· O local acadou o primeiro posto por un 76% dos votos da veciñanza.
· O obxectivo deste certame posto en marcha polo Concello é dar visibilidade ás mulleres do municipio.
O establecemento hostaleiro Casa Avelina resultou gañador na terceira entrega do Premio 8 de marzo, unha iniciativa posta en marcha polo Concello para dar visibilidade ás mulleres do municipio e ao seu papel na sociedade carralesa.
Nesta edición houbo dúas formas de participación: a través da app móbil ‘Cuida Carral’ e de xeito presencial no rexistro de entrada do Concello. Así, as irmás María del Carmen e Avelina contaron co apoio do 76% dos votos para obter un galardón que pon sobre a mesa a importancia de Casa Avelina no municipio. O local, situado nas Travesas, atópase no Camiño Inglés e a el achéganse centos de peregrinos e peregrinas que destacan a amabilidade, a atención e gran dedicación das rexentes.
O alcalde, Javier Gestal, fixo entrega dun ramo de flores e da figura da panadeira á María del Carmen, quen disculpou a ausencia da súa irmá. O rexedor agradeceu a ambas as dúas “a súa gran dedicación e amabilidade, singularidades que poñen a Casa Avelina no punto de mira da hostalería de Carral”. Pola súa parte, María del Carmen mostrouse moi emocionada e deu ás grazas a todas as persoas que votaron e que asistiron ao evento, mostrándose moi agradecida pola entrega do premio e pola visibilización do seu traballo.
Implicación da comunidade educativa
O evento realizouse no lugar no Salón de Plenos do Concello de Carral, xusto despois da lectura do manifesto polo 8M. Ademais, o alumnado do CEIP Vicente Otero Valcárcel e do IES Carral tamén foi protagonista da xornada de hoxe ao participar na simulación dun pleno cuxa orde do día foi o papel da muller no sector das tecnoloxías.
O rexedor e a concelleira de Educación e Igualdade, Mercedes Caridad, agradeceron a enorme implicación dos centros de ensinanza, así como a enorme preparación dos estudantes, “que expuxeron uns puntos de vista e unas propostas moi interesantes con respecto á temática central deste 8M”. O lema de este ano da ONU era “Por un mundo dixital: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero”.
Durante o acto cos rapaces e rapazas interviu, ademais, a profesional que está realizando o servizo municipal de atención psicolóxica. Na súa intervención, a psicóloga deulles unha pequena charla aos mozos e mozas incidindo na importancia de seguir traballando para acadar sociedade igualitaria para homes e mulleres.
—