Friday 22 de November de 2024

O Concello renova o programa de viaxes culturais para persoas maiores de 55 anos, con percorridos por Allariz, Celanova e Ourense


Máis de 1.000 persoas poderán participar nestas excursións de carácter gratuíto. O prazo de inscrición abrirase desde o luns 13 de marzo, nos centros cívicos de referencia

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, pon en marcha o programa de viaxes culturais para maiores de 55 anos, unha iniciativa da que poderán gozar 1.040 persoas. A inscrición poderá realizarse a partir do luns 13 de marzo, na Rede de Centros Cívicos Municipais da cidade, durante o seu horario habitual de apertura.

Estas excursións son gratuítas, realízanse en autobús e non inclúen a comida, que será libre e por conta de cada persoa. O Concello pon ao dispor dos usuarios e usuarias un total de 24 autobuses cunha capacidade de 52 persoas por vehículo.

Este ano realizaranse dous percorridos similares dependendo das datas:
● Días 17, 21 e 23 de marzo: A Coruña – Allariz – Ourense – A Coruña.
● Día 31 de marzo: A Coruña – Allariz – Ourense – Celanova – A Coruña.

Quen pode optar ás 1.040 prazas dispostas?

As persoas destinatarias son aquelas maiores de 55 anos (nadas desde 1968 en diante).
Esixirase presentar o DNI para que o servizo de conserxaría do centro cívico de referencia poida comprobar a idade e só se poderán pedir dous billetes por persoa.

No caso de viaxar cun acompañante de menor idade, a persoa que si cumpra co dito requisito será quen deberá facer a inscrición e recoller os billetes.

As prazas son limitadas e adxudicaranse por rigurosa orde de inscrición.