O concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, presentou a memoria anual do servizo, que recupera o volume de intervencións previas á pandemia
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, presidiu a presentación da memoria anual do servizo municipal de Bombeiros. No acto tamén estiveron presentes o director da área de Seguridade, Carlos García Touriñán, os suboficiais Félix Díaz e Javier Casanova, e os bombeiros Francisco José González, David Hermida, Ignacio Cabaleiro e Jesús Valencia.
No 2022, os Bombeiros levaron a cabo un total de 1.923 intervencións fronte ás 1.721realizadas no período anterior. Este incremento debeuse, segundo explicou o concelleiro, á volta á normalidade tras as restricións da pandemia. “Quero felicitar a todos e cada un dos membros do colectivo, xa que redobraron os seus esforzos nas súas tarefas habituais, seguindo uns protocolos moi estritos tanto no traballo no parque como nas intervencións”, sinalou Juan Ignacio Borrego.
Con respecto ao tempo medio de chegada ás intervencións, reduciuse con respecto ao exercicio anterior. No 88 % das ocasións os bombeiros chegaron en 12 ou menos minutos, un 8 % menos que no ano anterior. Ademais, dentro desa marxe, o 20 % das ocasións chegaron en 5 minutos ou menos, mellorando en 5 puntos con respecto ao ano 2021. “Isto amosa o compromiso por un traballo de calidade e a mellora continua coa que está comprometido o Concello e o servizo de Bombeiros”, declarou Borrego.
Por outra banda, a respecto do tempo que se tardou en dar por solucionadas as intervencións, destaca que en menos de 30 minutos solucionáronse 563 alertas, a gran maioría delas urxentes, mantendo a media de anos anteriores. O servizo municipal de Bombeiros leva a cabo actuacións na cidade e na súa contorna, colaborando cos servizos de emerxencia e seguridade dos concellos limítrofes. Así, no ano 2022 leváronse a cabo seis actuacións en Arteixo, unha en Bergondo, dúas en Cambre e unha en Culleredo. Ademais, o servizo foi requirido en varias ocasións para colaborar na extinción de incendios forestais en Galicia, destacando o seu labor durante a vaga de incendios na comarca de Valdeorras, en Ourense.
O concelleiro de Seguridade Cidadá quixo tamén destacar o importante traballo levado a cabo en materia de prevención. No 2022 superáronse as horas dedicadas a este cometido do ano 2019, con 4.355 fronte a 3.370 horas. A Semana da Prevención organizada polos Bombeiros pasou de 17 a 34 actividades, nunha nova mostra da volta á normalidade prepandemia do servizo.
O Goberno de Inés Rey continúa mellorando e apostando decididamente por este servizo, que volveu contar con máis dun millón de euros en investimentos e 400.000 euros en mantemento e gastos propios. “O noso obxectivo é que o noso parque continúe a ser un dos mellores de Galicia e de España en cidades da nosa categoría”, sinalou Borrego.