O Concello de Boqueixón está a rematar nestes días o aglomerado das estradas de Casalpegito á Moa e de Ardarís a Rubial, “dúas actuacións moi necesarias xa que son pistas que vertebran e comunican parroquias, polo que soportan bastante tráfico”, explica o concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias. En total, 3,45 quilómetros de aglomerado en quente.
No caso da mellora do firme do viario da pista de Casalpegito á Moa, as máquinas aglomeraron un total de 1.950 metros de pista, así como 250 m2 de abanicos, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes. A maiores, instalouse unha cuneta de seguridade de 205 metros con sistema de recollida de augas pluviais.
No camiño de Ardarís a Rubial, actuouse en dous tramos de 1.200 e 300 metros de lonxitude, así como noutros 600 m2 de abanicos. Ao igual ca no outro proxecto, dotouse ao viario dunha capa asfáltica de 6 centímetros.
Estas dúas actuacións están recollidas nun plan municipal aprobado en xuño de 2022 e que inclúe dez proxectos “que responden ás necesidades e peticións dos veciños e veciñas de Boqueixón”, apunta o alcalde Manuel Fernández Munín. Algúns deles se executarán en breve, como o novo parque infantil no campo da Festa de Lestedo ou o programa de sinalización de todo o municipio. Outros xa están feitos, como a mellora dos viarios perimetrais do polígono de Camporrapado. En total suman 928.659,08 euros de fondos propios que o Concello de Boqueixón inviste en proxectos de mellora da calidade de vida da veciñanza.