Friday 22 de November de 2024

Xornada informativa sobre a Administración dixital na Casa das Palmeiras de Neda


O programa “La Administración cerca de ti” chegará ao noso municipio o venres 17 de marzo para informar, asesorar e solventar dúbidas da veciñanza sobre os servizos en liña que teñen á súa disposición

Persoal técnico axudará á cidadanía a tramitar o certificado dixital

O programa “La Administración cerca de ti” que promove o Ministerio de Política Territorial chegará a Neda a vindeira semana. O venres 17 de marzo, a partir das 11:30 horas, celebrarase na Casa das Palmeiras unha xornada onde persoal técnico da Subdelegación do Goberno na Coruña informará,
orientará e solventará as dúbidas da cidadanía sobre os servizos dixitais aos que pode acceder. Así mesmo, axudarán a veciños e veciñas a tramitar o certificado dixital “in situ”, unha ferramenta clave para acceder a infinidade de trámites administrativos sen necesidade de moverse da casa, aforrando tempo e gañando en comodidade. Entre outros, formalizar o pago de tasas públicas, consultar a vida laboral ou revisar os puntos do carnet ou descargar unha certificación catastral.

Un programa, “La Administración cerca de ti”, co que o Ministerio de Política Territorial, coa colaboración da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), busca achegar os trámites administrativos en liña aos concellos, favorecendo os coñecementos adecuados sobre os medios que teñen á súa disposición.