Friday 22 de November de 2024

Turismo de Galicia e o Eixo Atlántico celebran unha xornada sobre a importancia das TIC no Camiño de Santiago


A xornada contou coa participación do xerente do Xacobeo, o secretario xeral do Eixo Atlántico, e o presidente da Cámara Municipal de Mirandela, cidade que albergou o encontro

Turismo de Galicia e o Eixo Atlántico celebraron a xornada “As TIC no Camiño de Santiago” no Museo Armindo Teixeira Lopes da cidade portuguesa de Mirandela.

A xornada deu comezo cunha mesa inaugural que contou coa participación do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e o presidente da Cámara Municipal de Mirandela, António Branco.

A xornada continuou con dúas sesións que afondaron acerca da importancia das novas tecnoloxías e a innovación no Camiño de Santiago baixo o título “Camiño intelixente e redes sociais” e “Cómo traballar o Camiño: a experiencia do Camiño interior”.

O encontro completouse cunha visita guiada a exposición “Peregrinati, o Camiño de San Francisco a Santiago de Compostela”.

Camiño Portugués
O Camiño Portugués é un dos produtos estrela que reforzan a unión de Galicia e o Norte de Portugal ao constituír un trazado que transcorre entre os dous territorios ata a súa culminación en Santiago de Compostela.

A extraordinaria riqueza monumental e paisaxística desta ruta xacobea atrae cada ano a milleiros de peregrinos.

No que vai deste ano 2015 o 16,62% dos máis de 252 mil peregrinos que recolleron a súa Compostela na Oficina do Peregrino escolleron o Camiño Portugés, sendo esta ruta a segunda máis transitada despois do Camiño Francés.

En total, no que vai deste ano chegaron a Compostela preto de 42 mil peregrinos pola vertente portuguesa do Camiño, 7.000 máis que no mesmo período do pasado ano.