Friday 22 de November de 2024

Bergondo expedienta á Xunta e ao Arcebispado de Santiago polo estado lamentable no que manteñen o antigo LIGAL e a casa reitoral de Guísamo


Tanto nun caso coma noutro os responsables serán notificados en breve, xa que a situación é insostible e inxustificable. Tanto a Xunta coma o Arcebispado incumpren de forma manifesta cos seus deberes de mantemento mínimo de dúas propiedades en Bergondo

Juan Fariña, concelleiro de infraestruturas, urbanismo e medio ambiente (e voceiro de Alternativa dos Veciños en Bergondo) confesa o seu fastío total con esta situación. En ambos os casos a situación ten desbordado a paciencia do concelleiro. Se ben é certo que as causas e circunstancias que envolven os dous exemplos son diferentes, o resultado aparente é igual de lamentable. En canto ao antigo edificio do Ligal; a Xunta de Galicia mantén o seu edificio en completo abandono (vandalizado e desvalixado durante anos) sen tomar as mínimas medidas, xa requeridas polo concello hai anos. En canto á reitoral de Guísamo o Arcebispado de Santiago mantén, de igual modo, a súa propiedade nun estado de deterioro galopante, coa agravante de estar situada a carón dun parque infantil. Pero expliquemos máis polo miúdo os dous casos:
ANTIGO LIGAL: Xa en 2017 o Concello de Bergondo requería á Xunta de Galicia para que pechara a parcela (para evitar o acceso descontrolado á mesma), que procedese coa limpeza e desentullo de todas as instalacións, así como a colocación de tapas no enorme número de pozos e canais abertos. De igual modo instábase a que estudaran o estado dos depósitos existentes de gas e gas-oil.
Nada do anterior foi realizado polo ente autonómico. O único que a Xunta levou a cabo foi a rehabilitación de 4 galpóns auxiliares á construción principal (na que non se fixo nada). A parcela segue aberta, sendo un perigo para calquera que se interne nela sen unhas precaucións mínimas. Por outra parte, a imaxe de feísmo e abandono nunha das entradas principais a Bergondo é simplemente demencial
Dende o departamento que dirixe Juan Fariña procederase a incoar as ordes de execución necesarias e, de ser o caso, á imposición de multas coercitivas pertinentes ata que a Xunta de Galicia se faga cargo -de modo axeitado- da súa propiedade.

REITORAL DE GUÍSAMO: En canto á vella reitoral de Guísamo o resultado da inacción é igual de calamitoso. Se ben é certo que ten o agravante de estar a carón dun parque infantil e, se o deterioro continúa, poden presentarse perigos moito maiores e que van máis aló do que xa é a día de hoxe; un foco de insalubridade manifesto e inaceptable. Mais os factores que interveñen neste caso implican tamén á alcaldesa de Bergondo. Juan Fariña é claro ao respecto: “Estou moi decepcionado con Alejandra por esta cuestión. Leva dende hai máis de catro anos a voltas co Arcebispado tratando a sinatura dun convenio de cesión, para destinar o edificio ao uso público, e non é capaz de avanzar nese obxectivo ou quizá o que é peor, xa non dedica un mínimo esforzo ao asunto”. E engade; “Estiven agardando a ver se a nosa alcaldesa era quen de sacar algo en limpo coa Igrexa. Pero xa se me acabou a paciencia, xa agardei de máis, é hora de actuar con contundencia co propietario, igual que faríamos con un particular calquera, non pode haber distincións neste sentido”.
En relación con estas declaracións convén explicar o seguinte: O propio Fariña acompañou á alcaldesa a Santiago a inicios de 2019, a unha reunión celebrada con responsables do Arcebispado. Froito daquela reunión a Igrexa remitiu ao Concello unha proposta de convenio (por 20 anos de cesión máis o pago dunha cantidade en concepto de alugueiro, proposta claramente insuficiente e pouco ou nada aceptable) que tería que ter dado lugar a unha negociación. Que, obviamente, podería ter resultado satisfactoria ou non, mais o que resulta inadmisible é que máis de catro anos despois a alcaldesa de Bergondo siga sen mover ficha ao respecto. E o que é peor, nin fai nin deixa facer, xa que pretende ser ela a que cargue en exclusiva con todo este tema e non permite que outras persoas con máis iniciativa interveñan no mesmo. E tanto celo para que? Para nada, por desgraza.
Nese mesmo 2019 o concello encargou un anteproxecto valorado de rehabilitación da casa. Naquel momento o importe estimado ascendía a 350.000 euros. Catro anos despois o deterioro da construción avanzou moi considerablemente e moito nos tememos que esa cantidade resultaría claramente insuficiente. Con independencia de que a alcaldesa se decida a traballar no asunto dunha vez por todas, e unhas hipotéticas negociacións puidesen chegar a bo termo, a situación a día de hoxe do inmoble é máis ca insostible. O concello de Bergondo non pode nin debe agardar máis para reclamar aos propietarios que cumpran coa lei e as ordenanzas municipais. O concelleiro Juan Fariña, por responsabilidade e por vergoña cara á veciñanza de Guísamo e Bergondo, toma cartas no asunto dende xa.