Os tres institutos do Concello, o CEIP A Rabadeira e o CEIP Luis Seoane participaron na Campaña polo 8M organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello. Nesta campaña o alumnado propoñía lemas con motivo do Día da Muller e os imprimíronse bolsas e adhesivos cos lemas gañadores.
Había catro categorías, na primeira, na que participaba o alumnado de 5º e 6º de primaria resultaron gañadores os lemas Perfecta é como queren que sexa, libre é como quero ser, de Jana Penas Grau, do CEIP Luis Seoane e A igualdade non é só para a metade, de Mateo Benedet Pérez, do CEIP A Rabadeira. Na segunda categoría, na que participaba alumnado de 1º e 2º de ESO, gañaron os lemas Bailaches Carolina? Si, con quen me dá a gana, de 1º C do IES Neira Vilas e Non son a túa lúa, nin reflicto a túa luz, nin xiro ao teu redor, de Clara Arévalo Martínez, do IES María Casares. Da terceira categoría, na que podían presentar os lemas o alumnado de 3º e 4º de ESO, gañaron Ti vives, eu loito!, de Lucía Álvarez Touriñán, do IES Miraflores e Eu navegarei as miñas propias ondas, de Ana Dos Santos Beiro, do IES Miraflores. E na última categoría, destinada a bacharelato, resultou gañador, Conseguir obxectivos é avanzar, de Ainhoa Edreira Pérez, do IES Miraflores.
As bolsas e adhesivos foron entregados ás persoas participantes na campaña.