Este evento, promovido pola Cámara de Comercio de Santiago co apoio de Uninova e do Concello de Santiago, reunirá ao longo do día de hoxe e maña, xestores do programa europeo Erasmus para Mozos Emprendedores procedentes de 38 países. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, aproveitou a ocasión para manter un encontro cos representantes da EISMEA, axencia xestora do programa en Bruxelas, e tamén asistiu á sesión inaugural esta mañá para darlle a benvida aos participantes.
A Cidade da Cultura acolle durante o día de hoxe e de mañá o 30º Encontro Internacional de Xestores do programa Erasmus Emprendedores en Europa (EYE Network Meeting – Erasmus for Young Entrepreneurs), grazas ao esforzo conxunto da Cámara de Comercio de Santiago e UNINOVA (Concello de Santiago e USC) que permitiu a Compostela impoñerse como a candidatura seleccionada fronte a outras seis cidades.
Este evento internacional reúne técnicos de cámaras de comercio, centros de investigación, consultoras, universidades, centros de innovación, hubs empresariais, consultoras, pemes e emprendedores, entre outros; todos eles xestores do programa Erasmus Emprendedores de 38 países.
O Erasmus para Mozos Emprendedores é un programa de intercambios transnacionais que ofrece a emprendedores noveis e persoas que desexan crear unha empresa, a oportunidade de aprender de empresarios experimentados que dirixen pequenas empresas noutros países participantes. Trátase dunha iniciativa da Comisión Europea que é xestionada a través da Axencia Executiva para o Consello Europeo de Innovación e as Pemes (EISMEA), que tamén conta cunha ampla representación de técnicos no evento.
Tanto a Cámara de Comercio de Santiago, como Uninova son intermediarios do programa a nivel nacional e foron quen promoveron, xunto co Concello de Santiago, que a Cidade de Compostela fose o escenario deste Encontro Internacional, ademais de para ser os organizadores do mesmo.
En total presentáronse sete ofertas de sete cidades distintas para acoller o encontro, pero finalmente o Comité da Pilotaxe do programa escolleu a proposta de Santiago en base aos seguintes criterios: dispoñibilidade de datas e o orzamento presentado, a idoneidade dos espazos propostos, os elementos innovadores como a axenda e o ecosistema empresarial da contorna, e a calidade xeral de toda a proposta no seu conxunto.
Reunión cos representantes da EISMEA
O rexedor, acompañado pola responsable de Desenvolvemento Económico do Concello, Carme Casado; aproveitou a celebración deste encontro para manter unha reunión con Natalia Martínez-Páramo, xefa da Unidade de Inversión da Axencia Executiva para o Consello Europeo de Innovación e as Pemes (EISMEA) e Daniel Ugarte, asesor de proxectos da Axencia.
Tras o encontro, Sánchez Bugallo salientou a importancia de que “as pequenas empresas busquen espazos fóra dun mercado nacional cada vez máis competitivo”, tendo como base a “dixitalización, a innovación e internalización”. Ademais, recordou que “as exportacións internacionais das empresas galegas xa supoñen prácticamente o 40% do PIB de Galicia”.
Cámara de Comercio de Santiago
A Cámara de Santiago participa no programa desde o ano 2016 e neste período xestionou máis de 150 intercambios. No consorcio que lidera a Cámara participan outras Cámaras de Comercio como a Cámara nacional de Ucraína, a Martinica, o parque tecnolóxico da Universidade de Ankara entre outras entidades de 9 países (España, Portugal, Italia, Francia, Irlanda, Chipre, Albania, Ucraína e Turquía) Ambas as entidades recibiron xa a comunicación de que os seus consorcios seguirán traballando no programa ata o ano 2027.
UNINOVA
UNINOVA, a incubadora de empresas do Concello de Santiago de Compostela e da USC, participou por primeira vez neste Programa non ano 2010, co consorcio internacional “Europa Emprende”, e na actualidade ou fai co consorcio YEIM, integrado por entidades públicas e privadas de 8 países europeos (España, Alemaña, Italia, Francia, Croacia, República Checa, Lituania e Bulgaria). Entre os anos 2017 e 2022 xestionou máis de 100 intercambios, sendo a maior parte deles de novos emprendedores españois que saíron a outros países.
Mentres que a Cámara de Comercio de Santiago contará cun orzamento de máis de 300 mil euros para intercambios de novos emprendedores, UNINOVA contará cun orzamento de 225 mil de euros, tamén para financiar intercambios empresariais de mozos emprendedores nalgún dos 38 países participantes en Europa ata o ano 2027. Por último, lembrar tamén que o programa conta con destinos GLOBAL, en Estados Unidos, Canadá, Israel, Singapura, Taiwan e Corea do Sur que están activos ata o ano 2024.