Friday 22 de November de 2024

Rouban máis de 500 metros de cable na parroquia de Regoela


O Concello de Cabanas fai un chamamento á colaboración veciñal para previr este tipo de actos vandálicos

O Concello de Cabanas denuncia o roubo de 565 metros de cable do alumeado público na parroquia de Regoela, desde as proximidades da estrada CP-1503 até o entorno do lugar de Xicos, e cuxos danos ascenden a preto de 3.000 euros.

Cabanas, coma outros concellos da contorna, vén sufrindo roubos de cableado público nos últimos anos, unha lacra que supón “unha importante carga” ao orzamento municipal.

“A colaboración veciñal é indispensábel para detectar e previr este tipo de actos vandálicos”, incidiu a concelleira de servizos, Eva García, quen tamén fixo un chamamento a comunicar á Policía Local ou Garda Civil calquera actividade sospeitosa que se detecte.

O Concello de Cabanas traballa na reposición de dito cableado roubado para poder poñer en funcionamento o alumeado público á maior brevidade.