O ciclo Contando Ciencia, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene, continúa esta semana cunha nova conferencia a cargo do doutor en Xeoloxía e director do proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal, Fran Canosa. A cita será o xoves, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e de balde até completar o aforo.
Fran Canosa é doutor en Xeoloxía e director científico do proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal. Docente na Universidade de Oviedo durante 2 anos, ten no seu haber un máster en recursos xeolóxicos e xeotécnia e ampla experiencia investigadora na Universidade de Salamanca e Oviedo.
No seu currículo salienta tamén unha estadía de investigación na Université Henri Poincaré de Nancy
(Francia).
Ademais, é promotor e guía das XeoRutas en máis de 10 concellos de Galicia. Dende o 2013 organiza ca SGE (Sociedad Geológica de España) o “Geolodía” nalgunha das catro provincias galegas. Tamén é docente dos cursos anuais da AEPECT (Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra) en Galicia. E docente colaborador dos sete CFR (Centros de Formación e Recursos) e do CAFI da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Por outro lado, Fran Canosa é o creador do programa educativo “Descubrindo as rochas que pisas”, impartido en máis de 100 centros de ensino de Galicia. Autor de varias publicacións de divulgación de xeoloxía, pero tamén de investigación en revistas científicas internacionais
O ciclo Contando Ciencia ten como obxectivo achegar a ciencia á poboación en xeral. O programa desenvólvese na Casa da Cultura de Fene un xoves (ou martes) ao mes, con entrada libre e de balde até completar o aforo. As vindeiras sesións do ciclo serán con: Bea Hervella, meteoróloga, que falará sobre “O cambio climático en Galicia” (20 de abril); e María Canosa, enxeñeira de Camiños e escritora, que pechará o ciclo falando sobre “Máis vale maña que forza”.