Friday 22 de November de 2024

Miño destina máis de 80.000 euros para a mellora de camiños municipais en Bemantes, Bañobre e Vilanova


• O goberno local aprobou hoxe en sesión de pleno extraordinario a modificación orzamentaria para acometer esta actuación, que xa fora licitada o pasado verán sen recibir ofertas debido ao desfasamento nos prezos.

• A actuación, dotada con 81.780,61€, supoñerá a pavimentación e asfaltado en As Cobelas (Bemantes), no Camiño Real (Bañobre) e no de Ar, en Buíña (Vilanova).

O Concello de Miño aprobou na sesión plenaria celebrada este mediodía a modificación orzamentaria necesaria para afrontar os traballos de mellora de diversos camiños municipais en Bemantes, Bañobre e Vilanova, cos votos a favor do grupo socialista e as abstencións da agrupación popular.

O proxecto xa fora sacado a licitación no pasado verán sen recibir ofertas debido ao desfasamento nos prezos.

O orzamento total da actuación ascende a 81.780,61€, dos cales 44.418,02 euros correspóndense á actuación no Camiño Real en Bañobre e os 37.362,61 euros restantes ao reafirmado nos camiños de Cobelas (Bemantes) e Ar, Buiña (Vilanova).

A intervención supoñerá a pavimentación nos devanditos viais, mellorando así as condicións de circulación e de seguridade para o tráfico rodado.

Adicionalmente, inclúense intervencións como a limpeza de cunetas e a habilitación de sinais de seguridade viaria, e tanto no Camiño Real como no de Ar instalarase unha tubaxe de PVC para a rede de saneamento, e colocaranse estruturas para a suxeición de contedores con brazo frontal.