Tamén foron celebrados encontros dirixidos a entidades do tecido social do municipio para dar a coñecer o proceso de elaboración do Plan.
Dende finais do 2022, o Concello da Laracha, coa finalidade de avanzar na consolidación dos dereitos dos nenos, vén desenvolvendo tarefas no marco do proceso de elaboración do I Plan Local da Infancia e da Adolescencia (PLIA). Este Plan vai acompañado da creación dun espazo de participación para nenos, nenas e adolescentes, concibido como un espazo no que poderán debater sobre as súas necesidades e preocupacións, canalizar as ideas e propostas á administración local e a outras entidades, e mesmo realizar actividades que contribúan á mellora do seu benestar social e calidade de vida.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica, Rocío López, destacou que “a creación deste espazo suporá un gran avance para o garante do dereito á participación das nenas e nenos, o cal contribuirá a unha mellora non só do seu benestar senón tamén ao do conxunto da cidadanía”. Así mesmo, este fito contribuirá a varios dos dereitos recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno (como, por exemplo, o dereito a opinar e ser escoitado sobre os asuntos que lles afectan, á liberdade de expresión ou ao acceso de información, entre moitos outros) e permitirá que o Concello da Laracha se postule como municipio candidato ao recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia que outorga Unicef.
Os nenos e nenas, con ganas de ser tidos en conta
Para a constitución deste espazo de participación, un dos primeiros pasos constitúe o desenvolvemento de encontros participativos co alumnado dos diferentes centros educativos do municipio.
Nesta semana xa foron celebrados os primeiros encontros participativos co alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP de Caión e do CEIP Alfredo Brañas. Estes encontros, desenvolvidos en horario escolar, tiveron múltiples finalidades. Por unha banda, expoñer en que radica a participación e como se pode exercer, así como dar a coñecer en que consistirá o Espazo de Participación para Nenos, Nenas e Adolescentes e o seu procedemento para constituílo. Por outra, pretendeu favorecer o debate entre o propio alumnado ao respecto das súas necesidades, inquedanzas e preocupacións, de forma que puidese reflexionar sobre ideas e propostas para a mellora do municipio dende a súa perspectiva.
A partir das dinámicas participativas desenvolvidas nestas sesións, percibiuse un claro interese por parte de alumnado en ser partícipe deste proceso. A este respecto, a concelleira Rocío López destacou que “a acollida por parte dos nenos e nenas das diferentes iniciativas impulsadas polo Concello e sempre moi positiva, e nesta ocasión non está sendo diferente”. Neste senso, fixo fincapé na vontade nestas idades de dar a súa opinión e indicou que é imprescindible “non caer en prexuízos ao respecto das súas capacidades de reflexión e de debate, pois os propios encontros escolares son a mostra de que, cando se lles dá a oportunidade, aportan unha visión construtiva e dunha complexidade maior da que se lles pode presupoñer de forma errada”.
Así, nos propios debates mantidos nestes encontros, explorouse sobre as necesidades e preocupacións dos nenos e nenas. Unha das cuestións, precisamente, fai referencia ao fomento da participación, pois prefiren maiores canles de participación en todos os campos.
Outro dos aspectos que se destacou con frecuencia estaría relacionado coa mobilidade, a seguridade viaria e os usos do espazo público. Se algo quedou claro nestes encontros é que os nenos e as nenas queren desfrutar do espazo público, sendo a súa preferencia maioritaria pasar o seu tempo libre na rúa e ao aire libre. Pola contra, manifestan que non é frecuente que o seu tempo libre estea dedicado a xogar libremente na rúa, en certa medida porque perciben inseguridade debido ao modelo de mobilidade imperante. Polo tanto, a concelleira Rocío López incidiu en que “se fai preciso avanzar na seguridade viaria de forma que os nenos e as nenas poidan facer seu o espazo público, o cal entronca ademais co aumento da súa autonomía”.
Por último, tamén se detecta que entre os nenos e as nenas presentan unha visión máis comprometida co medio ambiente e polo respecto e a súa conservación.
Un proceso de participación que vai máis aló
Ademais da participación directa das nenas, nenos e adolescentes, este proceso porá en marcha outras vías de participación que irán dirixidas á cidadanía en xeral e ás familias e aos axentes implicados no desenvolvemento de infancia e adolescencia en particular. Así, nos pasados días foron celebrados encontros dirixidos a diferentes colectivos, como foron: as asociacións de nais e pais dos diferentes centros educativos, ou o conxunto de entidades (tanto do tecido asociativo como empresarial) que promoven actividades dirixidas a nenos, nenas e adolescentes.
Segundo Rocío López, estes encontros “serviron para que estas entidades coñezan de primeira man este proceso, pero tamén para contribuír a un maior coñecemento das necesidades e retos que ten o municipio en materia de infancia e adolescencia en base ao cal se deberán recoller no Plan actuacións que afonden na mellora do benestar social da poboación infantil en particular e da cidadanía larachesa en xeral”.