O Café Teatro do Pazo da Cultura acollerá mañá, ás 19.30 horas, o acto de presentación do libro “Voces da memoria con ollos de muller”, da profesora, investigadora e escritora Ánxela Loureiro. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, participará na convocatoria xunto coa propia autora do libro e dúas das mulleres que figuran no mesmo, Rosario Alabau e Manuela López.
O libro aborda a temática dos sucesos do 10 de marzo de 1972, no que as mulleres, en concreto na comarca Alabau e López, xogaron un papel fundamental e cuxos relatos aparecen recollidos. A xornalista Marta Corral presentará a convocatoria, na que tamén estará presente a edil de Igualdade, Mar Gómez. A entrada é libre ata completar a capacidade do Café Teatro.
A seguinte proposta da programación será o propio mércores 8 de marzo, Día das Mulleres, xornada na que se homenaxeará á Muller do Ano de Narón e a partir da que se poderá visitar a exposición “8M Mulleres de Narón”, integrada por varios tótems, entre eles un coas mulleres que recibiron a distinción de Muller do Ano de Narón e outro de destacadas feministas como a xornalista Virginia Bolten, a ecoloxista Vandana Shiva, Emmeline Pankhurst e as súas fillas Chistabel e Sylvia, a feminista das novas xeracións Emma Watson. O mércores pola noite tamén se iluminarán de cor malva o Pazo da Cultura, a Casa da Cultura, a glorieta de Freixeiro e o edificio do Xulgado en Xuvia.
A programación continuará o venres 10 coa tradicional Cea das Mulleres, que terá lugar no restaurante local Casa Becerra ás 21.30 horas e para a que aínda se poden anotar –no propio establecemento- as persoas interesadas en acudir ou chamando aos teléfonos 981 381 905 e 650 144 527. O menú da cea, cun custe de 25 euros, consta de empanada de atún, fornecido de ibéricos e queixo, lombo ibérico con guarnición de champiñóns, sobremesas, bebida e café.
O venres continuará tamén a programación do “VIII Festival Internacional do monólogo teatral Singular” no Pazo da Cultura, co espectáculo “Señora de rojo sobre fondo gris” -20.30 horas- protagonizado por José Sacristán. O ciclo inclúe o día 11 de marzo o monólogo “Christiane” -20.00 horas- coa arxentina Belén Pasqualini e o 12 a proposta infantil “U-la lúa?” -18.00 horas-, coa compañía galega A Xanela do Maxín. As entradas están á venda no despacho de billetes do Pazo da Cultura.
O venres 10 de marzo outra das propostas é unha conferencia do programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental “A saúde mental é cousa de todos e todas”. A matrona Isaura González e a psicóloga especializada en saúde mental perinatal Pilar Carballeira falarán no Centro Cívico Social do Alto sobre “Saúde mental na maternidade/paternidade” a partir das 19.30 horas. O acceso é libre ata completar a capacidade da sala.
O sábado 11 haberá tamén unha actividade na Biblioteca municipal enmarcada nos actos do 8M, pensada para menores a partir de 3 anos. “E ti , que queres ser de maior?” é o título desta proposta de Trémola Teatro na que se reflexiona sobre os prexuízos e estereotipos relacionados coas profesións. A protagonista é Yoli, unha rapaza que solo ve atrancos por parte dos seus compañeiros cando lles di a que lle gustaría adicarse profesionalmente. O prazo para anotarse nesta actividade abrirá mañá ás 16.00 horas de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ao número 981 382 173. Tamén na Biblioteca se poderá ver dende o día 11 a mostra de libros e outros materiais que tratan a situación da muller ao longo da historia: “Letras que r8Mpen o teito de cristal”.