Friday 22 de November de 2024

A alcaldesa recibiu no salón de plenos a alumnado de sexto de primaria do CEIP Ponte de Xuvia


A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiu esta mañá no salón de plenos a unha vintena de alumnas e alumnos de sexto de Primaria do CEIP Ponte de Xuvia. Trala chegada ao Consistorio os menores, acompañados dunha docente do centro, visitaron as instalacións do Arquivo para, a continuación, ver un vídeo sobre a cidade e o funcionamento do Concello no salón de plenos, onde ocuparon os espazos dos concelleiros e concelleiras da corporación local.

Unha vez reunidos coa alcaldesa, interesáronse por saber a que idade foi alcaldesa e os anos que leva, como é o día a día do seu traballo, a que partido pertence, que cousas importantes se conseguiron dende o goberno local nos últimos anos e tamén que consellos lles daría se queren ser alcaldes ou alcaldesas, entre outras cuestións.

Marián Ferreiro respostou ás cuestións que lle formularon e conversou coas rapazas e rapaces durante a súa estancia no salón plenario. Antes de rematar o encontro, recibiron uns agasallos institucionais e sacaron unha fotografía de grupo coa alcaldesa.

Finalmente, e antes de regresar de novo ás aulas, os escolares visitaron tamén as dependencias da Policía Local no Consistorio.