Friday 22 de November de 2024

O Concello da Pobra executa labores de mantemento no Museo Valle-Inclán por un importe superior aos 5000 euros


Tralas inclemencias meteorolóxicas do outono e do inverno, a torre de Bermúdez, sede do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, foi obxecto dunha serie de tarefas de mantemento no granito e madeirames, segundo explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).

O Concello executou unha intervención no paramento perimetral da parte baixa do edificio para a eliminación da colonización biolóxica. Unha empresa especializada realizou a limpeza de xeito manual co material idóneo para a retirada da vexetación sen dana-la pedra. Deseguido, aplicouse un biocida como tratamento preventivo, tanto nas paredes coma no chan, para atrasa-lo florecemento de liques ou musgos.

A maiores, actuouse nos sollados de granito da contorna, así como no chan e escaleiras do patín.

Doutra banda, procedeuse co cambio de cinco fiestras de madeira que presentaban unha deterioración e aplicóuselles vernices para o exterior.

O investimento total supera os 5000 euros.