Feminismo, igualdade de xénero, mulleres que destacaron na súa vida profesional como científicas, escritoras, no mundo da arte, na música, no cine, no deporte, na política e noutras temáticas serán obxecto de exposicións bibliográficas en cada unha das bibliotecas do concello.
Tamén se programaron sesións especiais para público infantil da actividade A Hora do Conto entre os días 7 e 13 de marzo, con pequenos espectáculos en torno ao xénero e ao feminismo.
Ademais, do 6 ao 10 de marzo, na Biblioteca Municipal Ánxel Fole de Nós realizaranse diversas actividades plásticas e manuais para nenas e nenos a través de recortables de imaxes e resumos das biografías de varias mulleres que destacaron ao longo da historia, unha actividade semellante á da Biblioteca Municipal Xograr Mendiño de Lorbé, con actividades plásticas e manuais para nenas e nenos, baixo o título “Mulleres: Imaxes de mulleres ilustres cunha pequena descrición biográfica”.
Quince actividades distintas e 8 exposicións bibliográficas servirán ao Sistema Municipal de Bibliotecas de Oleiros para celebrar o Día da Muller, que se conmemora o 8 de marzo, aínda que os actos específicos comezarán o 7 e se prolongarán ata o 14.
Para pechar a semana dedicada á muller, o Teatro As Torres de Santa Cruz será escenario dun concerto de Lesuiteband, baixo o título xenérico “Girls just wana have fun”, con Marian Ledesma (voz) e Sofía Canedo (piano/coros). Será o martes, 14 de marzo ás 20.00 h, cun repertorio de diferentes artistas importantes na historia da música pop coa muller como protagonista, como Cyndi Lauper, Donna Summer, Bonnie Tyler, Gloria Gaynor, Kim Carnes, Patti Smith, Tina Turner, Sinéad O’Connor, Alanis Morissette, Amy Winehouse ou Christina Aguilera, todas elas grandes figuras da música.
Así mesmo, os clubs de lectura que se desenvolven nas distintas localidades están traballando estes días con libros de escritoras como Margaret Atwood, Mercé Rodoreda, Chimamanda Ngozi Adichie, Lisa See ou Ledicia Costas.