Friday 22 de November de 2024

Inés Rey presenta o Observatorio Turístico como unha ferramenta clave para “facer da Coruña unha das grandes potencias do sector”


O estudo en marcha permite monitorizar en tempo real diferentes datos de interese para implantar melloras e potenciar os puntos mellor valorados

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o Observatorio Turístico da Coruña, unha ferramenta que permitirá analizar os datos relacionados con fluxos turísticos na cidade. Esta iniciativa, pioneira en Galicia estase a levar a cabo na actualidade polo Concello, a través do Consorcio de Turismo e Congresos e coa colaboración da UDC e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC).

Un equipo de investigación formado polos profesores Iria Caamaño, Eduardo Guillén Solórzano e Manuel Martínez está a estudar diferentes indicadores para o seguimento da información turística da cidade. Na presentación tamén interveu o secretario xeral da UDC, Carlos Aymerich. A creación dun Observatorio Turístico proporciona aos axentes turísticos da cidade a posibilidade de ter acceso aos principais datos sobre a dinámica e o impacto turístico na cidade nunha única plataforma e en tempo real. Estes datos poderanse compartir cos axentes do sector para a toma de decisións en cada momento do ano, precisando con máis eficacia as accións que cada un poida desenvolver.

“Desde o Concello apostamos decididamente por un turismo de calidade para amosarlle ao mundo por que A Coruña é unha cidade diferente, que deixa pegada en todo aquel que a visita”, sinalou Inés Rey. Este Observatorio, o primeiro creado en Galicia, permitirá a realización de estudos analíticos e de predición das dinámicas turísticas no destino e facer un seguimento da relación entre a poboación local e a actividade turística, contribuíndo así a unha mellor planificación das estratexias municipais. Ademais, levarase a cabo unha medición da pegada de carbono en grandes eventos da cidade, apostando polo turismo sostible.

Os primeiros datos, recollidos durante o mes de febreiro, obtivéronse a través de enquisas e outras fontes primarias que permiten coñecer o perfil do visitante que se atopa en cada momento na cidade e actuar en consecuencia. As valoracións dos visitantes en diferentes aspectos da cidade cambian ao longo do ano. Coñecer en cada momento estas variacións é  unha vantaxe na toma de decisións e creación de produto.

“O turismo é un dos eixes da nosa acción de goberno durante os últimos anos. A Coruña é hoxe unha das grandes potencias do sector, por exemplo, en turismo de congresos e eventos”, sinalou Inés Rey. O obxectivo final deste proceso investigador é a creación dunha plataforma que aglutine todos os datos estudados e que estará a disposición dos axentes económicos e das distintas áreas da administración municipal proximamente.