Tres ilustradoras galegas realizan os carteis deste 8M, que leva como lema “Pintamos, e moito”
O programa inclúe cinema, teatro, conferencias, música, fotografía e obradoiros de arte
A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, presentou o programa de actividades organizado polo Concello da Coruña co gallo do Día Internacional da Muller que terá lugar o 8 de marzo e que se desenvolve este ano baixo o lema “Pintamos, e moito”.
Neira explicou que o lema elixido é “unha resposta ao ‘as mulleres non pintan nada’, unha frase que oímos demasiadas veces”. “As mulleres pintamos e moito en todos e cada un dos ámbitos da sociedade e como nun deses ámbitos onde hai que loitar pola igualdade é o da arte, pedimos a tres ilustradoras galegas, Iría Fafián, Julia Lago e Laura Mahía, que fixesen os carteis para esta campaña”, explicou Neira.
A concelleira agregou que este ano é necesario facer especial fincapé na educación en Igualdade desde idades temperás, polo que ademais das actividades específicas para colexios, institutos e centros de FP haberá un acto de escolares coa alcaldesa en María Pita o día 8 pola mañá.
Programáronse catro semanas de actividades. Todas serán gratuítas -agás os ciclos de cinema que terán prezos con desconto para a mocidade, maiores de 65 e desempregadose estarán abertas a todos os públicos.
Entre as actividades destacan conferencias e encontros con mulleres referentes como as artistas Yolanda Domínguez e Lola Vendetta, a xornalista deportiva Danae Boronat e a cineasta Mabel Lozano.
A partir do 10 de marzo e ata o día 28 poderase ver na rúa Compostela unha exposición da fotógrafa e activista canadense Nancy Durrell McKenna, que amosa o seu traballo das últimas décadas para mellorar a saúde reprodutiva das mulleres no Terceiro Mundo. No ámbito da música, o grupo “De Vacas” ofrecerá un concerto o 24 de marzo no Ágora.
A primeira carreira popular deste ano do circuíto Coruña Corre súmase ás actividades do 8M coa carreira e andaina solidaria -a beneficio do programa de Cruz Vermella para mulleres en dificultade social- que se levará a cabo o 18 de marzo a partir das 20.00 horas e que se integra dentro da XI Carrera Popular Torre de Hércules.
Ademais, do 22 de marzo ao 2 de abril de 2023 presentarase nos Cantones Cines a I Mostra Internacional de Cinema por Mulleres A Coruña. Trátase de 20 películas -10 españolas e 10 internacionais- dirixidas por mulleres e realizadas entre 2021 e 2022. Entre as españolas está “Cinco Lobitos”, con tres premios Goya e tamén galardoada nos Feroz e nos Premios Forqué. As 10 longametraxes internacionais proveñen de Alemaña, Colombia, Eslovaquia, Estados Unidos, Dinamarca, Marrocos, México, Siria, Suecia e unha coprodución de Turquía e Ucraína.
Tamén hai un ciclo de cinema internacional no Fórum baixo o título “Retallos de muller” e o ciclo teatral “Sen numerar” ofrecerá no mesmo recinto o día 31 de marzo a obra “Ifixenia na porta do Súper”.
Entre as actividades para escolares destaca o teatro para mozos e mozas de 4º da ESO, 1º de Bacharelato e FP no Ágora o 24 de marzo coa obra “Pilgrims”, de Redrum Teatro.
Tamén están programados obradoiros sobre mulleres artistas entre o 6 e o 14 de marzo endistintos colexios da cidade para alumnos de 5º e 6º de primaria. Os talleres culminarán cun gran encontro intercentros dos participantes que terá lugar o día 31 no Ágora. O día 8 de marzo haberá actividades educativas para distintas idades na Escola Intercultural da UAMI e nos espazos de atención á Infancia (Canguros Municipais).