Saturday 16 de November de 2024

A Concellaría de Igualdade de San Sadurniño programa actividades durante todo o mes co gallo do #8M


O Concello de San Sadurniño súmase á celebración do Día Internacional da Muller, que se celebra este mércores 8 de marzo, con cinco actividades que se van desenvolver desde a xornada principal até o próximo día 25. O izado da bandeira feminista coa lectura do manifesto consensuado polos tres grupos municipais, a volta do programa Tempos para compartir xunto cunha exposición, a presentación do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes e un documental, compoñen as propostas arredor dun mes que enfatiza a reivindicación dunha igualdade real en canto a dereitos e oportunidades para nós, as mulleres.

O izado da bandeira violeta da loita feminista está programado para este mércores 8 de marzo ás 12:00h diante da Casa do Concello. A enseña ondeará en solitario no mastro central da fachada durante todo o mes e xusto despois de erguela lerase o texto acordado hoxe mesmo polo BNG, o PP e o PSOE como declaración institucional.

Nela faise unha chamada de atención sobre a progresiva regresión nos dereitos e avances conseguidos nos últimos anos, motivada polos tempos de crise “historicamente aproveitada polo patriarcado para se fortalecer”. O manifesto reafirma o compromiso municipal “coa protección dos dereitos das mulleres, coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, e coas políticas públicas encamiñadas a resolver as desigualdades materiais, simbólicas e de valor ás que se enfrontan as mulleres”, cuxas principais accións se atopan recollidas no IV PIOMH aprobado recentemente por unanimidade do pleno.

A seguinte actividade proposta dentro da programación do #8M é a volta do programa de lecer activo “Tempos para compartir”, que terá lugar na Casa da Cultura este sábado 11 a partir das 17:00h conducido pola fotógrafa e creadora local Tamara Painceira Villar, Tam / Inercia Inesperada. O obradoiro estará centrado no deseño de frases, lemas ou imaxes expresivas do empoderamento feminino, empregando a técnica do collage, da que puidemos ver un exemplo hai case dous anos na mostra “Sentires recortables”.

De guiar a expresividade das persoas participantes encargarase Tam, mentres que o material necesario porao o Concello. Tal e como sinala Tamara, do que se trata é de “armar unha obra plástica mediante a conxunción de pezas recurtadas e pegadas. Non se precisa unha técnica aprendida, o importante reside na intención e na carga emocional depositada na creación”.

A actividade ofrece 15 prazas gratuítas que cómpre reservar contactando antes do venres con Servizos Sociais (981 490 027 ext.1). Con todas as obras producidas no obradoiro montarase unha exposición que permanecerá aberta na Casa do Concello do 20 de marzo ao 17 de abril.

Presentación ás entidades do IV PIOHM
A seguinte cita da programación do #8M está posta para o serán do xoves 23 de marzo na Casa da Xuventude cun horario aínda por pechar e que vai depender da dispoñibilidade das asociacións e colectivos do municipio, a quen se lles presentará o IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de San Sadurniño.

Durante a sesión repasarase o contido do documento e, principalmente, as estratexias e recomendacións propostas para continuar avanzando en Igualdade cunha implicación activa de todo o tecido social.

Ademais tamén se entregarán guías sobre o uso dunha linguaxe non sexista (para que as entidades a leven á práctica en carteis e na súa comunicación escrita e en redes sociais) e, en colaboración co grupo de facilitadoras do proxecto O Lavadoiro, elaborarase un decálogo de intervención e prevención de violencias machistas na organización de eventos.

Documental “Eu tamén necesito amar”
A última das propostas co gallo do 8 de Marzo programouse para o sábado 25 ás 19:00h na Casa da Cultura, coa proxección do documental “Eu tamén necesito amar” dirixido por Antón Caeiro.

A peza, da que puidemos ver unha pequena mostra na segunda edición do Chanfaina Lab (daquela o documental aínda estaba empezando a gravarse) trascende a reflexión dos roles femininos durante o franquismo para analizar a represión da liberdade afectiva da muller por parte do Estado, quen usou como principal ferramenta o fanatismo ultracatólico da Sección Feminina e da propia Igrexa.

Antón Caeiro participará na presentación do filme -que conta cos testemuños de varias mulleres de San Sadurniño- e tamén na mesa de debate que se abrirá xusto despois da proxección. O pase é con entrada libre.