O Centro Sociocomunitario e de Benestar da Pobra do Caramiñal volve ser escenario dunha nova actividade titulada Tardes de baile. Trátase dunha serie de sesións que se desenvolverán no segundo domingo de cada mes ata xuño, en horario de 20.00 a 22.30 horas, con distintas opcións musicais. De feito, o primeiro baile terá lugar no 12 de marzo con Mar Davila. No que respecta ao mes de abril, ao ser festivo, trasladarase para o día 16.
Increméntase así a oferta de disciplinas dándolles resposta ás demandas das persoas asistentes ao programa de envellecemento activo, tal e como indica a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG). A edil incide en que “a música é curadora”, polo cal se lanza este novo programa que, se ben está especialmente pensado para as persoas maiores, quere servir tamén como un punto de encontro interxeracional de toda a comarca ao tempo que se dinamiza a vila aos domingos. Sinala, ademais, que se valorará amplia-las sesións ata finais de ano segundo a resposta da xente.
O director do referido centro, Ricardo Lago, explica que se recupera unha proposta lúdica co ánimo de que acade o éxito de anos atrás. Expón que se trata dunha “actividade completísima” e destaca os seus beneficios ao potencia-la memoria, o estado físico, a autoestima ou as relacións sociais.
Non se require a inscrición previa.