A capital de Touro, Fonte Díaz, viviu hoxe a súa ‘Feira do Entroido’, unha cita xa obligada no entroido, que co desfile dos ‘xenerais do Ulla’ pechou tamén a programación do Entroido da Ulla ata 2024. E os ‘xenerais da Ulla’ foron os principais protagonistas. Tamén participaron os personaxes do entroido de Touro, como o Vello dos Cornos o bispo ou o alcalde do entroido. Pasadas as doce e media concentráronse os ‘xenerais’ diante da sede do Concello de Touro. O día apareceu nubrado. Pero os ‘xenerais’ da Ulla poideron lucir os seus coloridos sombreiros e os sus traxes de gala.
Numeroso público, veciños e visitantes, concentráronse nos arredores para coñecer aos protagonistas deste orixinal entroido rural. Tamén participaron con disfraces os nenos e nenas os nenos e nenas do PAI; os participantes no obradoiro de disfraces que organizou o Concello de Touro e os maiores do Centro Social de Touro..
Os ‘xenerais’, procedentes das parroquias de Bama e Fao, iniciaron unha marcha polas rúas de Fonte Díaz. No desfile, animado pola Banda de Música Isabel II de Touro, polos integrantes da Asociación Cultural A Pinguela de Bama e pola Charanga Os Atrevidos, participou todo aquel que chegou disfrazado. E tamén estaban presentes maiores e pequenos con todo tipo de adornos festivos para celebrar o entroido. Ao final do desfile comezaron a caer unhas gotas. Pero houbo tempo para que os ‘xenerais’ lanzasen unhs ‘vivas’. Os asistentes ao desfile poideron degustar productos típicos do Entroido nun posto instalado diante da sede do Concello de Touro.