Friday 22 de November de 2024

A Xunta continúa coas melloras no Complexo Xuvenil As Mariñs de cara á próxima campaña de verán


Nos últimos dous anos lévanse investidos máis de 300.000 euros no acondicionamento de dormitorios, comedores e vestiarios, así como na impermeabilización de pavillóns e arranxo de cubertas, entre outras actuacións.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, comprobou esta fin de semana as obras levadas a cabo no complexo xuvenil As Mariñas de cara á vindeira campaña de verán, para que as mozas e mozos que participen nesta programación desfruten dunhas instalacións melloradas.

Así, nos últimos dous exercicios acometéronse traballos nos dormitorios, comedores, vestiarios, lavandería, pista deportiva e demais estancias dos dous equipamentos Ademais, impermeabilizáronse pavillóns, reparáronse cubertas e modernizouse a instalación eléctrica, entre outras intervencións. No seu conxunto, o investimento realizado foi de 320.000 euros.

A Xunta traballa xa na preparación da nova campaña de verán, que será de novo unha das máis importantes de España tanto polo número de prazas que ofertará como pola variedade de actividades. Na pasada campaña puxéronse a disposición das mozas e mozos máis de 10.800 prazas en campamentos, campos de voluntariado ou minicampamentos en establecementos turísticos.