Actuouse nunha superficie de 700 metros cadrados no tramo que conecta San Andrés coa Galera co obxectivo de reforzar a seguridade peonil e a resistencia do firme
O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, concluíu estes días os traballos de reforma no pavimento da rúa Torreiro, onde se levou a cabo unha intervención orientada á substituír os materiais do firme co obxectivo de reforzar a seguridade peonil e tamén a durabilidade do solo.
As obras centráronse no sector norte de Torreiro, tramo que conecta coas rúas de San Andrés e Galera. A superficie na que se actuou, de aproximadamente 700 metros cadrados, abrangue os dez caños situados no percorrido central da rúa Torreiro, ata o de agora construídos a base de pezas de pizarra agás nas súas interseccións entre caño e caño, onde se empregou granito do país.
É precisamente este último material o que se implantou na totalidade da rúa, pola súa resistencia e utilidade fronte ao desgaste e ante o paso do tempo. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey aumenta a seguridade peonil na contorna e renova de maneira íntegra unha rúa de elevado tránsito peonil e de carga e descarga.
Conservación do trisquel na confluencia de Torreiro coa rúa de San Andrés
Infraestruturas tamén aproveitou esta actuación para acometer a renovación das pezas de pizarra que compoñen o trisquel decorativo existente no cruzamento da rúa Torreiro con San Andrés. Mantense, así, a estética desta peza xa integrada desde hai anos na paisaxe do rueiro municipal no centro da cidade.