Friday 22 de November de 2024

Rueda resalta o papel dos profesores para converter o sistema educativo galego nun referente en toda españa


— Subliña que Galicia logrou reducir a taxa de abandono escolar ata situarse no 9,9% actual fronte ao 26% de 2009

— Resalta que os alumnos galegos están á cabeza en matemáticas, ciencias e lectura no Informe Pisa e que Galicia é a comunidade máis inclusiva do Estado co 93% do alumnado con necesidades especiais matriculado en centros ordinarios

— Destaca que a Xunta aposta por unha ensinanza de vangarda, fomentar a inclusión e o bo clima nas aulas para formar aos rapaces cara a sociedade do mañá

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe o papel dos profesores á hora de converter o sistema educativo galego nun referente en toda España. Durante o VI Congreso Mundial de Educación Educa 2023 que se celebrou na Coruña, o titular do Executivo galego agradeceu o “traballo silencioso” que realizan a diario todos os docentes para formar aos cidadáns do futuro.

Nesta liña, Rueda subliñou que os fitos acadados pola educación galega nos últimos anos son froito do traballo en equipo entre a administración e a comunidade educativa. Entre eles, destacou a redución da taxa de abandono escolar desde 2009 -ao pasar do 26 ao 9,9% actual-, que os alumnos galegos estean á cabeza en matemáticas, ciencias ou lectura, segundo o Informe Pisa ou que Galicia sexa a segunda comunidade onde máis alumnado se titula en Secundaria e a máis inclusiva do Estado xa que o 93% dos estudantes con necesidades educativas especiais están escolarizados en centros ordinarios.

Durante a súa intervención, o presidente resaltou a importancia de formar aos rapaces de hoxe para a sociedade do mañá, máis globalizada e dixital, pero tamén máis igualitaria e inclusiva. Por iso, destacou que a Xunta aposta por diferentes iniciativas para promover a inclusión -con 4.000 profesionais destinados á atención a diversidade nos centros educativos- ou garantir o bo clima nas aulas a través da Estratexia Galega de Convivencia Escolar.

Ademais, Rueda resaltou a importancia de ofrecer unha ensinanza de vangarda que conte coa dixitalización, a innovación, as competencias en materias STEM ou o plurilingüismo como eixos centrais.