Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destaca a excelente atención do Centro de Protección de Nenos e Adolescentes A Milagrosa de Meirás


O Goberno galego destina máis de 450.00€ ao ano para financiar as súas 15 prazas

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o centro de protección de nenos e adolescentes A Milagrosa de Meirás, da Compañía Hijas de la Caridad de San Vicente de Paúl, onde destacou a excelente atención que se presta neste centro a 15 nenos no réxime de protección á infancia. O Goberno galego destina máis de 450.000 euros ao ano para financiar as prazas deste centro.

O Goberno galego conta cunha sólida rede de protección á infancia que permite identificar, previr e actuar ante situacións inxustas ou prexudiciais para os menores de idade. Neste sentido, un dos primeiros servizos que ofrece información sobre que facer ou como actuar ante posibles casos de maltrato infantil é o teléfono do menor —116111— detrás do que sempre hai un profesional disposto a asesorar sobre as posibles opcións.

Así mesmo, a Xunta conta con programas e iniciativas para atender as súas necesidades como centros de atención diúrna para ofrecer apoio socioeducativo e familiar a nenos en risco de desprotección, o Programa de Integración Familiar (PIF) que permite romper dinámicas de deterioro familiar, os oito Puntos de Encontro Familiar (PEF) que existen por toda a Comunidade para garantir un réxime de visitas seguro no caso de separacións conflitivas dos proxenitores ou programas de avaliación e tratamento terapéutico.