Saturday 16 de November de 2024

Orzamentos de CULLEREDO 2023: endebedamento de 7,5 millóns de euros e aparición de débedas de anos anteriores


Despois de anos falando de superávit, aparecen débedas de exercizos anteriores (até de 2015) que suman ao redor de 1,5 millóns de euros.

O orzamento presentado supón un endebedamento de 7,5 millóns de euros, despois de terense fundido 10 millóns de euros dos anos anteriores.

Do orzamento de 2021, último ano do que se ten Conta Xeral, só fói executado o 59% dos ingresos e o 57% do gasto.

O proxecto de orzamentos presentado carece de participación cidadá, ao non terse convocado o Consello Xeral de Participación, como regulamentariamente está establecido.

O BNG rexeita o uso electoralista do orzamento municipal e dos recursos públicos empregados na súa elaboración.

Culleredo precisa dun orzamento comprometido, real e focalizado nas necesidades da súa veciñanza, obxectivos que fican lonxe do orzamento presentado este xoves no Pleno polo Goberno Municipal.

O proxecto inicialmente aprobado supón un endebedamento do Concello en 7,5 millóns de euros, despois de teren anunciado durante anos superávits económicos. O goberno municipal fundiuse un aforro que cifraban en 10 millóns de euros, non sabemos moi ben en que, e agora agroman débedas que datan até de 2015, que suman ao redor de 1,5 millóns de euros e non estaban recollidas en orzamentos anteriores

O que si sabemos é que aumentan a sala salarial do Concello, non para dotar ao Concello dos recursos humanos que precisa, senón para subir os soldos a funcionarios próximos ao Goberno Municipal.

A aprobación inicial do orzamento para 2023 é, máis que acto formal do Concello de Culleredo, un acto de precampaña do PSOE e de José Ramón Rioboo. O proxecto aprobado inclúe numerosas promesas de actuación, pero en moitos casos sen concretar nen as actuacións nen as partidas que se destinan a cada unha delas.

Para ver o grao de credibilidade destes orzamentos, abonda dicir que en 2021, último ano do que se ten Conta Xeral, só foi executado o 59% dos ingresos e o 57% do gasto. Obras como a rotonda da Igrexa de Vilaboa, incluída nos orzamentos de 2021, aínda se están a realizar agora. A reforma da polideportiva de Tarrío, do mesmo exercizo, aínda non comezou.

Os orzamentos debían estar aprobados o 31 de decembro de 2022, hai máis de 2 meses. Aínda así elaboráronse sen contar coa preceptiva convocatoria do Consello Xeral de Participación Cidadá (“o terceiro martes do mes de outubro”), que debería poder facer propostas que “poderán supoñer ata un 25% do anexo de investimentos do orzamento”. Así o recolle a normativa de participación que este mesmo Goberno Municipal aprobou, recortando o dereito ao exercizo da participación cidadá. Pero aínda recortada parécelles excesiva esa participación e por iso prescinden absolutamente dela.

O BNG rexeita o uso electoralista que o PSOE e o alcalde José Ramón Rioboo fai dos orzamentos e da administración municipal, e comprométese a realizar unha política económica e unha xestión municipal responsábel, recuperando a participación cidadá real e botando luz sobre a situación económica real do Concello.