O novo percorrido atravesa a rotonda das Paxariñas e supón unha mellora da seguridade na contorna, conectando outros dous tramos ciclables
Esta semana remataron os traballos de execución das obras do novo carril bici que une os xa existentes en Pablo Picasso e a glorieta xunto ao mercado de Elviña, atravesando a rotonda das Paxariñas. Esta actuación formou parte do Programa de Fomento da Mobilidade en Bicicleta do EIDUS.
O Goberno de Inés Rey busca deste xeito darlle continuidade ao seu modelo de mobilidade sostible e establecer percorridos de longa distancia que lle permitan á cidadanía chegar aos diferentes puntos da cidade. Esta obra contou cun orzamento de 239.379,96 euros. O proxecto supuxo unha intervención en 1.200 metros cadrados para instalar 480 metros de carril bici unidireccional e 170 metros de tramo bidireccional, que suman un total de case 800 metros de novos itinerarios ciclistas.
Este carril bici conecta dúas vías da rede ciclista existente: as de Salgado Torres, Pablo Picasso, UDC e Ramón y Cajal e Matogrande. Ambas as infraestruturas non se atopaban conectadas de maneira eficiente, sobre todo pola problemática que supoñía o cruzamento da glorieta das Paxariñas, debido ao alto volume de tráfico e vehículos pesados, o que o convertía nun itinerario pouco atractivo para as persoas ciclistas.
Os traballos supuxeron a construción do novo carril bici, a reordenación de espazos peonís e zonas verdes, a instalación de pasos de peóns elevados nos ramais de Alfonso Molina para conseguir atenuar o tráfico, a instalación de elementos de sinalización e balizamento para conseguir a seguridade adecuada para a convivencia entre medios de transporte, a colocación de semáforos para regular a circulación ciclista, a recolocación e mellora dos pasos de peóns, a mellora da accesibilidade e o acondicionamento da parada de bus da rúa Álvaro Cunqueiro.
O novo carril bici divídese en tres tramos diferenciados. O primeiro é o que transcorre pola rúa José Miñones Bernárdez e a conexión co carril bici da avenida de Salvador de Madariaga, outro o que atravesa a glorieta das Paxariñas e o último, o que conecta José Miñones Bernárdez e Pablo Picasso. Na primeira e na terceira zona instalarase un carril bici unidireccional a ambos os lados da calzada, seguindo a dirección do tráfico. Na zona das Paxariñas o carril bici quedou trasladado, de maneira bidireccional, a un dos lados da glorieta, e instalado na zona da beirarrúa, que se ampliou. .
Por outra banda, esta actuación acompañouse de melloras na accesibilidade e de humanización da contorna. Ampliáronse os cruzamentos, de maneira que se mellora a visibilidade. Procedeuse tamén a ampliar os itinerarios peonís e a renovar os pavimentos.