A Pobra do Caramiñal inicia o mes converténdose en parada literaria coa presentación de A tiempo, no Auditorio do Museo Valle-Inclán na tarde deste 3 de marzo, amenizada pola Escola de Música. Ana María García López explica que se trata de ficción climática; un xénero que pretende dar resposta aos posibles escenarios que podería carrexa-lo cambio climático. O xerme do libro remóntase ao último ano de universidade da autora quen se presentou a un concurso cun relato que, se ben non resultou galardoado, foi evolucionando con posterioridade ata converterse en novela curta.
Parafraseando o título, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), manifesta que a obra busca remover conciencias para evitar que unha distopía ambiental se acabe convertendo en realidade, polo que “estamos a tempo de aporta-lo noso grao de area.” E para que esa situación resulte máis próxima, a autora inspírase en lugares reais, mesma razón pola que acompaña o texto de fotografías.
Aquí a dimensión da sostibilidade adquire un gran peso, pois non só inflúe na historia, tamén no proceso de edición e impresión. Deste xeito, valores sociais e ambientais transcenden do papel.
A edil remarcou que a Administración local seguirá prestando apoio aos autores noveis para contribuír á divulgación da súa produción literaria e difundi-la creatividade, o cal encaixa na liña estratéxica de traballo para a dinamización da vida cultural.