Friday 22 de November de 2024

Aberta a inscrición nunha acción formativa para familias e coidadores de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral


Constará de 2 sesións, unha máis teórica sobre síntomas e tratamentos non farmacolóxicos, e outra máis práctica sobre mobilizacións e transferencias

O Concello de Neda acollerá os días 14 e 16 de marzo o curso “Atención Especializada en Alzhéimer e outras Demencias”, dirixido a familias e coidadores de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral. Celebrarase na Casa da Cultura, en horario de tarde, de 16:30 a 18:30 horas, e a participación é gratuíta, con inscrición previa no departamento municipal de Servizos Sociais -de forma presencial na casa consistorial ou no teléfono 981 38 00 39- ou en Afal, entidade que guiará as sesións -teléfono 981 37 06 92-.

Na primeira das sesións previstas en Neda, abordarase a sintomatoloxía e os sinais que poden anticipar un deterioro cognitivo; describirase como adoitan cursar as demencias centrándose principalmente nas distintas fases do alzhéimer e nas alteracións de comportamento, ademais de realizarse un repaso ás terapias non farmacolóxicas que poden retrasar a súa evolución. Na segunda sesión trataranse dun xeito moi práctico as mobilizacións e transferencias da persoa dependente, as mellores posturas para previr problemas circulatorios e cutáneos derivados do encamado/a e os materiais existentes para previr esa problemática. Tamén se abordarán as técnicas para mover, cambiar de lugar e sentar á persoa enferma de maneira que non haxa ningún tipo de lesión nin no/a enfermo/a nin no/a coidador/a.

Esta acción formativa é posible grazas ó acordo de colaboración asinado entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e Afal, e o apoio do Concello de Neda.