O Concello de Touro pechará a programación dos xenerais da Ulla do 2023. Será o próximo domingo, 5 de marzo, en Fonte Díaz. A capital do Concello de Touro acollerá a súa tradicional ‘Feira do día 5’, que neste tempo do carnaval, é a Feira do Entroido. Este ano é a última cita co entroido da comarca da Ulla e tamén en Touro, tras a celebración no Concello do Domingo de Corredor en Bama e do Martes de Entroido en Fao. Nestas duas parroquias os xenerais foron os protagonistas, que se xuntarán de novo no desfile do próximo domingo, 5 de marzo, en Fonte Díaz.
O día da Feira do Entroido, o próximo domingo 5 de marzo, os xenerais da Ulla de Bama e Fao teñen previsto xuntarse ás 12.00 horas diante da sede do Concello de Touro. Alí prepararánse para o desfile. Vestirán os seus vistosos e coloridos traxes de xenerais napoleónicos e sairán a cabalo cara Fonte Díaz. Lucirán tamén os seus sombreiros con plumas coloridas. Tamén participarán outros protagonistas e personaxes do entroido de Touro, como o Vello dos Cornos. O desfile percorrerá ás rúas de Fonte Díaz, onde se celebra a feira. Os xenerais da Ulla, en diversos puntos da capital de Touro, pararán e lanzarán os seus ‘vivas’. Tamén haberá o atranque ou enfrontamento dialéctico entre os xenerais a través da que se expón a situación política do momento ou feitos de interés para os veciños. Os visitantes poderán degustar productos típicos do entroido nun posto situado diante da sede do Concello de Touro. A música nas rúas de Fonte Díaz estará a cargo da Asociación Cultural A Pinguela de Bama, da Charanga Os Atrevidos e da Charanga da Banda de Música Isabel II de Touro.