Salienta que Galicia gaña cunha nova infraestrutura fundamental para o desenvolvemento da Coruña e da súa comarca
Reafirma o compromiso do Goberno autonómico co tecido industrial galego apoiando as súas iniciativas e ofrecéndolles certezas e marcos legais estables
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pon en valor o investimento das empresas que apostan por Galicia para mellorar a súa competitividade e adiantarse aos retos da transición enerxética. Na inauguración do terminal marítimo de Repsol no Porto Exterior da Coruña, o titular do Executivo autonómico reafirmou o compromiso co tecido industrial apoiando as súas iniciativas e ofrecéndolles certezas e marcos legais estables.
Alfonso Rueda, que acudiu xunto co vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, subliñou que a nova infraestrutura é fundamental non só para a compañía enerxética, senón tamén para a área da Coruña e, por extensión, para toda Galicia, que gaña en seguridade e en competitividade cunha refinería que xera emprego e valor engadido na súa zona de influencia e cunha firma que é un verdadeiro motor para a nosa economía, xa que representa, como remarcou o presidente da Xunta, o 3,5% do PIB de Galicia. Indicou, polo tanto, que “hoxe é un día de celebración” pola posta en marcha dun proxecto que levou moitos anos e no que traballaron “gobernos de todas as cores” en beneficio de todos.
O titular do Goberno galego asegurou que empresas como Repsol e outras compañías que apostan polos novos modelos enerxéticos contarán co apoio do Goberno galego con facilidades de financiación, bonificacións e asesoramento, ademais de certezas, cun marco legal que garante a iniciativa privada e que simplifica os procedementos.
Repsol, xunto con Naturgy e Reganosa, promove un proxecto de xeración de hidróxeno renovable cun investimento de 67,8 millóns de euros que subministrará á refinería da Coruña e a outras industrias e que inxectará gas natural na rede. Foi declarado Iniciativa Empresarial Prioritaria polo Consello da Xunta en decembro de 2022 e acadou unha axuda de 15 millóns do Perte das enerxías renovables.
Galicia conta con outros proxectos innovadores tanto no eido da automoción como nas novas tecnoloxías ou na economía circular que agardan do Goberno central axilidade e xustiza no reparto dos fondos Next Generation.