O presidente do R.C. Deportivo, Antonio Couceiro, compareceu esta mañá diante dos medios de comunicación realizando unha serie de afirmacións non veraces que afectan ao Concello da Coruña. O señor Couceiro expresou que é intención do Concello da Coruña gravar o club cun canon polo uso do Estadio Municipal de Riazor.
O Concello da Coruña quere facer as seguintes aclaracións.
O R.C. Deportivo da Coruña ten cedido o uso do Estadio Municipal de Riazor, cesión regulada por un convenio en vigor que non contempla o cobro polo emprego de ditas instalacións.
O presidente do Deportivo da Coruña, señor Couceiro, ten unha proposta de novo convenio remitida desde o Concello o 4 de novembro do 2021, proposta que a día de hoxe aínda non tivo resposta. En dita proposta, que ten o club por escrito, non figura ningún cobro ao Dépor polo uso das instalacións de Riazor, instalacións que son municipais e nas que este Concello investiu 9 millóns de euros para a substitución da cuberta no ano 2018 sen que o club tivese que facer achega algunha para dita mellora.
É rotundamente falso que o Concello pretenda aplicar un canon ao R.C. Deportivo polo uso do estadio de Riazor. É rotundamente falso que se lle comunicase ao club que existe intención de establecer un canon polo uso de ditas instalacións, que poderá seguir empregando de balde como fixo ata agora. O Concello esixe ao presidente do club unha retractación pública por ter realizado afirmacións que nada teñen que ver coa realidade e nas que atribúe a este Concello unha intención oposta á que defende o Concello da Coruña a través dos seuslexítimos representantes.
O Concello da Coruña quere transmitir aos xogadores do Depor e á súa afección todo o seu apoio para o partido que o domingo enfronta ao Deportivo coa Real Balompédica Linense, partido no que o noso club loitará por tres puntos que o poden situar na primeira posición. É pois, unha semana importante para encarar o desexado ascenso, unha semana na que non deberían xurdir elementos que distorsionen a necesaria consecución dos obxectivos deportivos. Agardamos que as declaracións feitas polo seu presidente non distraían a xogadores e afección do auténtico fin, o ascenso, e trasladamos a ambos unha mensaxe de apoio no deportivo e de tranquilidade no económico, pois é falso que o Concello tivese ou
teña nin interese, nin intención de establecer un canon ao Deportivo polo uso do Estadio Municipal de Riazor, algo que o club sabe e coñece pois ten por escrito desde novembro do 2021 unha proposta de convenio na que non se establece canon ningún.