A exposición, que recolle a traxectoria deste pintor abstracto coruñés, pode visitarse de balde ata o vindeiro 21 de abril
A Casa da Cultura do Concello de Lousame acolle a exposición pictórica ‘Retrospectiva’, que mostra 14 óleos do artista Víctor Lens (A Coruña, 1945) e que poderá visitarse de balde ata o vindeiro 21 de abril. Na inauguración, presidida pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, o público asistente desfrutou dunha proxección audiovisual de dúas horas de duración sobre as 106 obras que forman a traxectoria pictórica do autor, desde o ano 1973 ata a actualidade.
“Hai que quitarlle ao público o medo á arte abstracta”, asegura este pintor autodidacta e mestre xubilado. Os 14 óleos que protagonizan esta exhibición lousamiá datan dos últimos catro anos, entre 2019 e 2022. “Quero que os espectadores sexan partícipes das obras, que están fundamentadas en cuestións filosóficas do postestructuralismo”, afirma este artista, afincado en Oleiros.
Lens explica que o proceso de construción das súas obras require de moito tempo xa que tarda dous meses en pensar o cadro, facer o bosquexo e pintalo. “A multiplicidade de pensamentos que provoca unha obra abstracta é moi superior ó resto das obras. Isto, na literatura, tamén se atopa nas obras de Umberto Eco. Eu tento dar facilidades para que o público poida interpretar as obras”, sinala Lens, que non se enmarca dentro de ningún estilo artístico que non sexa a súa propia expresión persoal.
Traxectoria
Crítico coa visión mercantil do arte, o pintor coruñés indica que rexeita o arte como mercado porque as súas obras “aportan visións diferentes da vida e están baseadas en grandes autores da filosofía, desde o ano 1800 ata a actualidade, desde Baruch Spinoza e Arthur Shopenhauer ata Gilles Deleuze”, afirma.
Este artista coruñés que inaugurou a súa primeira exposición no ano 1973 na sala A Terraza de A Coruña, foi obxecto de numerosas mostras ó longo destas cinco décadas na Caixa Municipal de Vigo (1976), o Concello de A Coruña (1977), a Caixa de Aforros de Galicia (1978), a Sala de Durán Loriga de A Coruña (1989), a Sala da Fundación Araguaney de Santiago (1991), o Concello de A Coruña (1994), os Concellos de Porto do Son e Lousame (1996), o Liceo de Noia (1999), a Sala Rey Lago de Culleredo (2001), Lousame (2004), a Casa Charry de Oleiros (2004), a Casa da Cultura de Noia (2005), o Liceo de Betanzos (2008), o Colexio Xesuítas de A Coruña (2011), Lousame (2011), a Sala da Fábrica de Oleiros (2016), a Sala do Pintor Lloréns da Casa da Cultura de Sada (2017), o Xardín Botánico de Culleredo (2018) e a Casa da Cultura Villa Concepción de Cambre (2022).
Tras esta mostra na Casa da Cultura de Lousame, a intención de Víctor Lens é expoñer no Concello de A Coruña, como xa fixo nos anos 1977 e 1994.