Un total de 605 persoas participarán este domingo na segunda edición da “Carreira e andaina pola Igualdade” organizada polo Concello de Narón con motivo do programa de actos conmemorativos do 8M, Día Internacional das Mulleres. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, destacou o éxito da iniciativa “a través da que queremos manifestar dun xeito diferente o noso compromiso e a nosa implicación, así como a de todas e todos os participantes, de cara a avanzar neste longo camiño para acadar a igualdade real entre homes e mulleres”.
Ferreiro indicou que, pechadas as inscricións na noite do pasado 1 de marzo, están anotadas 225 persoas para a carreira na categoría de adultos/as; 235 menores nas diferentes categorías das carreiras para o colectivo e 145 para a andaina (125 adultos e 20 menores). A saída e a meta das diferentes probas será do pavillón polideportivo municipal da Gándara, zona pola que discurrirán os diferentes tramos desta convocatoria. A saída da carreira infantil será ás 10.00 horas e a da absoluta ás 11.00 horas, se ben os participantes na andaina partirán ás 11.05 horas.
As tres primeiras mulleres e homes que rematen o tramo das categorías absolutas recibirán un premio, así como a participante feminina de maior idade que remate a carreira. En canto ás nenas e nenos, todos eles recibirán unha medalla pola súa participación nesta “II Carreira e andaina pola Igualdade”.
Dende o Consistorio avanzouse ademais que pola zona na que se desenvolverá o evento haberá restricións para o tráfico rodado que estarán debidamente sinalizadas, solicitándose desculpas de antemán polas posibles molestias ocasionadas pola medida, necesaria para garantir a seguridade.