Saturday 23 de November de 2024

O Concello mellora os servizos para ciclistas coa instalación de 144 novos aparcabicicletas


A medida, aprobada nos Orzamentos Participativos, estase a levar a cabo en todos os barrios da cidade

BiciCoruña bateu este mes de febreiro o seu récord diario con 2.953 usos

A Asociación Ciudades por la Bicicleta premia o Concello da Coruña pola implantación da súa rede ciclable

O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, está a instalar 144 novos aparcabicicletas nos diferentes barrios da cidade. O obxectivo desta iniciativa, aprobada nos Orzamentos Participativos, é mellorar os servizos públicos a disposición das persoas usuarias de bicicletas na cidade.

Con esta medida o Goberno de Inés Rey busca facilitar o uso da bicicleta como un medio de transporte diario na cidade. Os 144 novos aparcadoiros de bicicletas están distribuídos en 30 localizacións ao longo da cidade, en grupos de dous, tres, catro e seis soportes. Estas unidades instaláronse en puntos estratéxicos para garantir o seu uso diario. “O noso modelo de cidade busca crear espazos e darlles facilidades ás persoas para usar a bicicleta no seu día a día”, sinala Inés Rey.

Para este proxecto, escolleuse un modelo de soporte en forma de ‘U’ invertido, que permite asegurar a bicicleta con dous cadeados antirroubo, fixando o cadro e as dúas rodas ao soporte. Está previsto que ao remate deste mes de marzo queden instalados todos os aparcabicicletas.

BiciCoruña bate o récord de usos

Por outra banda, BiciCoruña bateu neste mes de febreiro o seu récord de usos diario cun total de 2.953 usos. As estatísticas do servizo desde que o Goberno de Inés Rey puxo en marcha a súa renovación amosan un aumento constante do número de persoas usuarias e de usos desde o pasado mes de xullo do 2022.

BiciCoruña conta na actualidade con case 7.000 usuarios e usuarias en activo e un total de 8.506 persoas empregaron nalgún momento este servizo desde a súa renovación. Na actualidade, hai instaladas 35 estacións en diferentes puntos da cidade, que operan en horario de 7.00 a 1.00 horas de maneira ininterrompida. Nas vindeiras semanas continuarase ampliando o número de bases do servizo.

Premio BikeFriendly

Por outra banda, o Concello foi galardoado este xoves na gala de entrega dos premios Bikefriendly 2023, realizada en Sevilla. Estas distincións son entregadas pola Asociación Ciudades por la Bicicleta e distinguen as Administracións pola súa aposta polo fomento do uso da bicicleta a través de iniciativas públicas.

O Concello da Coruña gañou o premio na categoría de Aceleración, que distingue o traballo levado a cabo nos dous últimos anos para acelerar o desenvolvemento e a implementación de medidas para promover o uso da bicicleta no seu territorio.