Friday 22 de November de 2024

Iago Varela: “Queremos liderar o goberno de Cabanas levando o modelo BNG ao resto de áreas”


O acto de presentación da candidatura do BNG de Cabanas contou coa participación da deputada Olalla Rodil

O BNG de Cabanas celebrou onte o acto de presentación da candidatura, encabezada por Iago Varela, coa que a formación se presenta ás eleccións de maio “co reto de liderar o próximo goberno de Cabanas”. Nel participaron as tamén candidatas Laura Ponce, Uxío Romero e Paula González, ademais de Olalla Rodil, deputada no Parlamento de Galiza.

Tampouco faltaron na presentación as mensaxes enviadas por persoas coas que o candidato cabanés, Iago Varela, compartiu vivencias políticas ao longo dos últimos anos, como Ana Miranda, eurodeputada do BNG; ou Rubén Arroxo (tenente alcalde de Lugo), Rocío Barreiro (concelleira nas Neves) e Amelia Fraga, que puxeron en valor a capacidade do candidato á alcaldía de Cabanas polo BNG.

A deputada no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, destacou na súa intervención a capacidade do BNG para transformar Cabanas desde o Goberno municipal nestes catro anos “nun contexto orzamentario durísimo no que a Xunta beneficia aos concellos nos que goberna o PP e castiga aos que non lles votan”. “En Cabanas tedes todo o necesario para conseguir algo marabilloso: un goberno liderado polo BNG que consiga desencadear todas as potencialidades deste concello”, concluíu.

Iago Varela lembrou a promesa feita hai catro anos: “Prometemos ter un goberno aberto e un goberno que se movese: e cumprímolo”, e puxo en valor algunhas das accións de goberno máis destacadas das áreas do BNG nestes catro anos, como o programa de compostaxe doméstica, as axudas a empresas na pandemia, o programa Merca en Cabanas, novas infraestruturas coma o CIMM, a desestacionalización e descentralización do turismo, o impulso ás feiras e mercado de Nadal, a creación de servizos de asesoramento en cooperativismo e autoemprego, o despregamento de fibra, o traballo polo transporte público, a posta en marcha das concellarías de Igualdade e Normalización Lingüística, ou a capacidade para captar fondos externos, entre outros.

O candidato do BNG á alcaldía de Cabanas pediu “o apoio e confianza” da veciñanza para seguir avanzando nos traballos iniciados nesta lexislatura, como a Comunidade Enerxética de Laraxe, a posta en marcha do coworking en Vilar do Colo, os programas de promoción económica, máis políticas de igualdade e diferentes programas de creación de emprego.

“Durante estes catro anos fomos o motor do Goberno de Cabanas, o noso traballo é a nosa mellor carta de presentación: agora é o momento de levar este modelo, o modelo BNG, ao resto de áreas para dar resposta aos retos que aínda ten pendentes o noso concello”, indicou Iago Varela. “Temos as ideas, o coñecemento; a capacidade e a experiencia destes catro anos; temos un proxecto para Cabanas e temos a mellor equipa para levalo a cabo”, concluíu.

Sobre Iago Varela

Nado en Cabanas hai 36 anos, Iago Varela está especializado en comunicación sobre novas tecnoloxías. Actualmente exerce como tenente alcalde do Concello de Cabanas, con responsabilidade nas áreas de promoción económica e turismo, urbanismo, medio ambiente, participación veciñal, comunicación e innovación tecnolóxica.